BNG denuncia a falta de compromiso do MITMA coa Galiza en materia ferroviaria

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego recrimina ao Goberno do Estado a deterioración dos servizos ferroviarios que están sufrindo continuos retrasos en todas as liñas do País

A frente nacionalista exixe o aumento das frecuencias ferroviarias no Corredor Atlántico e na liña AVANT para ofrecer servizos de calidade ás persoas usuarias, así como o aumento de persoal e medios

O deputado do BNG demanda a posta en funcionamento inmediata dos trens Avril para dar solución á alta demanda dos servizos de alta velocidade

O Bloque Nacionalista Galego reclama no Congreso maior compromiso por parte do Goberno do Estado para mellorar os servizos ferroviarios na Galiza despois dos retrasos “que se cronifican” nas liñas do Corredor Atlántico e o AVANT A Coruña-Ourense. O deputado do BNG, Néstor Rego, exixe aumentar o persoal e os medios co obxectivo de prestar un servizo de calidade ás persoas usuarias, así como aumentar as frecuencias ferroviarias en todas as liñas. Alén do máis, rexistra iniciativas para “a posta en funcionamento inmediata dos novos trens AVRIL na Galiza” ante a alta demanda da alta velocidade.

“O Goberno actúa tras o acontecido cos trens das cercanías en Asturias e Cantabria e cesa a altos cargos do Ministerio de Transportes mais non se preocupa polos servizos ferroviarios na Galiza” denuncia o deputado do BNG. Para Rego, esta falta de compromiso do Goberno do Estado coa Galiza, sobre todo en materia ferroviaria, evidénciase cos “retrasos cronificados” das liñas do Corredor Atlántico e do AVANT que sofren milleiros de usuarios diariamente. Esta situación, explica o deputado, débese á deterioración que está a provocar o MITMA nos servizos ferroviarios.

Neste sentido, a frente nacionalista sinala que a adaptación dos horarios coa chegada do AVE a Ourense non amplía a oferta de prazas para as persoas usuarias de media distancia. “Polo contrario, o que acontece é que os horarios das liñas, tanto os trens de media distancia do Corredor Atlántico como do AVANT foron axustados para priorizar a conexión con Madrid. Mesmo non incrementaron as frecuencias que, tanto o BNG como diversas plataformas de persoas usuarias, vimos reclamando” apunta Rego.

“Os reforzos de persoal anunciados non están a implicar unha mellora cualitativa nos servizos que ofrece Renfe na Galiza. Falta persoal e faltan medios materiais suficientes para cumprir o servizo público que se lle presupón que debe cumprir Renfe” salienta Rego. Aumentar o persoal e os medios, sinala o deputado, permitiría incrementar as frecuencias ferroviarias nas liñas de media distancia e AVANT na Galiza -sobre todo nas horas punta- o que posibilitaría o alivio do tráfico de pasaxeiros e o desconxestionamento das colas que se producen nas principais estacións do País. “Mesmo contribuiría a atraer posíbeis persoas usuarias a este servizo, reducir a necesidade de usar o vehículo particular así como a pegada de carbono e garantir de verdade avanzar na transición enerxética” asevera.

Posta en funcionamento dos trens AVRIL

Alén do máis, a organización nacionalista rexistra na cámara novas iniciativas para que o Goberno do Estado e, en particular o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, estabelezan un calendario concreto para a posta en funcionamento dos trens AVRIL na Galiza. “Os últimos anuncios do MITMA sobre a adquisición e a homologación dos novos trens AVRIL deixan moitas dúbidas enriba da mesa. Queremos coñecer o calendario que o Ministerio manexa e cantos dos trens serán destinados finalmente ás conexións coa Galiza” solicita Néstor Rego.

“O Goberno do Estado parece non ser consciente da crecente demanda nas liñas A Coruña-Madrid e Vigo-Madrid, e viceversa, por iso insistimos na necesidade de adoptar todas as medidas necesarias para dar unha solución” reivindica o deputado do BNG. Un dos exemplos foi o acontecido esta semana en que centos de persoas que tiñan previsto chegar a Madrid desde a Galiza ás 8 da mañá, finalmente chegaron ás 12.30h a destino. “O Goberno debe incrementar tamén as frecuencias diarias, así como o número de prazas ofertadas” insiste.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG