A deputada do Bloque Nacionalista, Iria Carreira, levou á Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia unha Proposición Non de Lei na que exixe á Xunta a elaboración dun plan "debidamente orzamentado e calendarizado" para analizar a situación das infraestruturas sanitarias galegas. A iniciativa, que debería ser presentada nun prazo de seis meses, pretende identificar as deficiencias no estado de conservación dos centros, a súa adecuación á mobilidade reducida e á fraxilidade dos doentes, así como as melloras necesarias para garantir condicións dignas de atención.
Durante a súa intervención, Carreira alertou do "estado calamitoso" de hospitais e centros de saúde, citando casos como os repetidos derrubamentos de falsos teitos no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, a falta de accesibilidade en cuartos de hospitalización, ou as condicións "insalubres" denunciadas polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura no Hospital Psiquiátrico de Conxo.
A deputada criticou que ao PP "gústalle moito de presumir cando inaugura un centro", pero "a realidade demostra que a situación dista moito de ser a axeitada". Sinalou tamén problemas crónicos como a mala climatización, ventás en mal estado, cuartos sen baño e espazos inadecuados para o manexo de cadeiras de rodas.
A pesar da gravidade dos exemplos expostos, que inclúen incidentes en hospitais de Ourense, Santiago e Conxo, entre outros, o PP votou en contra da proposta, rexeitando así a creación dun plan específico para reverter esta situación.
A iniciativa do BNG xorde ante a "preocupación" pola degradación continua das infraestruturas, que afecta tanto a doentes como a profesionais, e reclama á Xunta que asume a súa responsabilidade en mantemento e adaptación dos centros sanitarios públicos.