A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Montse Prado, levou á Comisión de Sanidade as denuncias da veciñanza de Catoira e do conxunto da comarca do Salnés pola grave situación asistencial que padecen. Prado advertiu de que o centro de saúde de Catoira leva meses cun funcionamento “practicamente simbólico”, chegando a quedar días enteiros sen ningún facultativo nin de medicina de familia nin pediatra.
A portavoz de Sanidade do BNG subliñou que “non é de recibo que as crianzas pasaran de ter atención pediátrica catro días á semana a apenas unhas horas o venres, cando teñen dereito a unha asistencia continua e especializada”. A consecuencia é que moitas familias enfróntanse a esperas dun mes para unha cita médica, máis outro mes para unha simple analítica e outro mes adicional para coñecer os resultados.
Prado lembrou que a carencia de persoal esténdese tamén ao PAC de Vilagarcía, que atende a un concello de case 40.000 habitantes e sofre “ausencias constantes de profesionais”. A deputada ligou esta situación ás precarias condicións laborais ofrecidas polo Sergas, que desincentivan a incorporación de médicos a unha comarca ben comunicada e con alta demanda asistencial.
Ademais, denunciou a decisión da Xunta de trasladar a ambulancia medicalizada do hospital do Salnés a Sanxenxo, deixando a concellos como Catoira a máis de 40 minutos dun recurso vital en situacións de emerxencia. “Este verán houbo persoas que perderon a vida porque a ambulancia non chegou a tempo. Non son estatísticas, son veciños e veciñas que non tiveron a oportunidade de ser atendidos en condicións”, reprochou.
Na súa réplica, Montse Prado acusou ao PP de ofrecer “boas palabras e ningunha solución” e lembrou que máis de 200 concellos en Galiza carecen de pediatra. “Non se pode dicir que un centro está operativo cando permanece días enteiros sen facultativos. O PP dinamita a atención primaria e pon en risco a saúde da xente”, concluíu, reclamando compromisos inmediatos e medidas urxentes para garantir unha sanidade pública de calidade no Salnés e en todo o país.