BNG denuncia o desmantelamento da atención á diversidade no CEIP Monte dos Postes e exixe máis especialistas

ANPA CEIP Monte dos Postes Santiago con Saleta Chao
ANPA CEIP Monte dos Postes Santiago con Saleta Chao
Saleta Chao advirte que a Consellería de Educación reduciu as prazas de PT e AL pese a aumentar o alumnado con necesidades de apoio educativo, e apela á mobilización da comunidade educativa

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Saleta Chao, denunciou a situación “alarmante” que vive o CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela por falta de profesorado especialista e persoal coidador. Chao acusou á Consellería de Educación de “negarse a cubrir as prazas necesarias” a pesar das reiteradas peticións da dirección do centro e das mobilizacións da comunidade educativa desde comezos de curso.

Segundo detallou a parlamentaria, no presente curso 2025-2026 o centro ten 21 alumnos e alumnas con discapacidade igual ou superior ao 33%, cifra que ascende a 50 estudantes se se inclúe todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Para atender a todos eles, o centro conta unicamente con “2 especialistas e media” – unha PT a tempo completo, media PT compartida con outro centro e unha praza de audición e linguaxe (AL). “A realidade, con datos, é que o curso pasado, con menos alumnado con estas necesidades, o centro tiña 4 PT e unha AL”, subliñou Chao, quen cuestionou se mudou “o catálogo ou a opinión da Consellería sobre a atención á diversidade”.

A deputada do BNG recordou que a comunidade educativa – integrada por familias, alumnado e profesorado – leva meses mobilizándose, con concentracións convocadas pola ANPA e protestas desde o primeiro día de curso. “Isto non é un caso puntual”, afirmou Chao. “Son demandas que se repiten todas as semanas en todas as comisións e plenos, e que están na orixe da folga do profesorado da semana que vén”.

Saleta Chao fixo un chamamento directo ao conselleiro de Educación para que “escoite a xusta demanda” e rectifique a “decisión de recorte” no CEIP Monte dos Postes. Propuxo, ademais, que se reforce o centro cunha praza máis de pedagoxía terapéutica e outra de audición e linguaxe. “Se está tan convencido de que tomaron a decisión correcta, non mo explique a min, explíquello ás familias e ao profesorado que nos acompañan hoxe aquí”, desafiou.

A intervención de Chao rematou cunha advertencia: a situación do Monte dos Postes é “un problema estrutural resultado dos recortes en profesorado e dunha decisión ideolóxica sobre o modelo de atención á diversidade”, e a negativa da Consellería a actuar “pon en risco o dereito á educación do alumnado máis vulnerable”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG