O BNG considera unha “burla e desleixo” a falta de avaliación rigorosa por parte da Consellaría de Mar sobre as afectacións ambientais, económicas e sociais que pode ter o proxecto da empresa Altri na ría de Arousa. Á deputada e responsable de Mar do BNG, Rosana Pérez resúltalle “absolutamente ínfimo“ o informe da Dirección Xeral de Pesca e Innovación Tecnolóxica que figura na Resolución da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto industrial promovido por Greenfiber en Palas de Rei.
“Apenas 30 liñas nunha Resolución dun total de 76 páxinas, onde deixa moitos, por non dicir todos, aspectos sen avaliar e menos dun xeito rigoroso e onde se fía todo ao Estudo de Impacto Ambiental presentado polo propio promotor”, criticou. No informe da Dirección Xeral de Pesca conclúese que “non parecen previsibles impactos no sector, por iso informamos favorablemente”. “A vostede parécelle que esgrimir ‘non parecen previsibles impactos sobre o sector’ é rigoroso?”, preguntou.
Pérez lembrou que a propia Consellaría recoñece nos seus documentos oficiais a importancia vital do sector marítimo-pesqueiro para Galiza, destacando que a pesca, o marisqueo e a acuicultura xeran un valor engadido bruto que é 25 veces superior ao da media europea, ademais de proporcionar máis de 50.000 empregos directos. Este peso económico é especialmente relevante na ría de Arousa, onde preto de 20.000 persoas dependen directamente do mar para vivir. Un sector que xera ademais empregos estábeis, tamén en épocas de crise, en comparación con outras actividades, argumentou.
Antes de comezar a súa exposición, Rosana Pérez quixo “darlle as grazas” á directora xeral de desenvolvemento, encargada de contestar a anterior pregunta da orde do día na Comisión 8ª, por coller e “retorcer” a argumentación (no párrafo anterior) da iniciativa do BNG, que poñía en valor a importancia que o sector da pesca, do marisqueo ou do sector mexilloeiro e que se deben manter e potenciar, en contra doutras actividades como a instalación dunha megacelulosa no corazón de Galiza. “Non deixa de ter algo de incompetencia, ter que recorrer aos argumentos dos demais para argumentar a súa propia posición”, expresou.
Pérez continuou a súa exposición xa dirixíndose á directora xeral de Pesca, Patricia García Sánchez, encargada de contestar as preguntas da iniciativa do Bloque, para recriminarlle que, “con todos os datos que temos da ría de Arousa e da calidade da auga do río Ulla (que xa non é boa), vostede prefire poñer nun papel 30 liñas onde di que xa o promotor (o promotor!) levou a cabo as avaliacións pertinentes. Ese é a súa avaliación?”, preguntoulle.
Así mesmo, a deputada nacionalista retrucoulle que o informe de Augas de Galiza —ao que tamén se acolleu a directora xeral para xustificar o seu argumentario en favor da implantación de Altri,—recolle igualmente as avaliacións do promotor. “Como o promotor di que xa levou a cabo a avaliación dos posibles riscos, para que imos avaliar nada? ironizou Pérez, advertindo con contundencia a continuación que nos “xogámonos moito con este proxecto”, por exemplo, que “a implantación desta macrocelulosa poida acabar con sectores que empregan moitísima xente e que vostedes están dispostos a calquera cousa sen avaliar os impactos socioeconómicos”.
Considera inxustificábel que a Consellaría, que debería protexer este motor económico e social,e que non realice unha avaliación propia e rigorosa do impacto que pode ter unha macrocelulosa como a de Altri, situada xunto ao río Ulla, fonte clave para a produtividade marisqueira da ría. “Parécenos penoso que a Dirección Xeral de Pesca, Consellería do Mar e o conxunto do Goberno galego traten este tema con esta lixeireza”, manifestou.
Na inciativa do BNG preguntábase pola valoración do Goberno galego sobre a inexistencia de informes propios para avaliar o impacto do proxecto, pola incompatibilidade deste proxecto coa salubridade e calidade das augas do río Ulla e a ría de Arousa, así como co mantemento e potenciación da actividade produtiva da ría e polas medidas estruturais, “non parches” previstas para mellorar a calidade das augas e para a rexeneración produtiva da ría.
O río Ulla, que achega augas doces, frías e ricas en nutrientes á ría, é fundamental para a saúde dos bancos marisqueiros, hoxe xa en situación catastrófica por falta de actuacións efectivas da Xunta. A falta de informes e o feito de que a Declaración de Impacto Ambiental se basee exclusivamente no estudo do promotor suscita serias dúbidas e preocupacións entre os profesionais do mar e as comunidades locais.