Congreso

BNG denuncia a deriva belicista do Estado español e exixe a saída da OTAN e a súa disolución

Néstor Rego reafirma a posición do BNG en contra da OTAN e reclama a saída do Estado español da alianza militar, propoñendo, cando menos, un referendo con garantías

“Se optan pola vía da paz, contarán co apoio do BNG, se se manteñen no camiño do militarismo, terannos en frente” sinala Rego a Sánchez

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, carga duramente contra o Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante a súa comparecencia na cámara baixa pola súa política de incremento do gasto militar e polo papel do Estado español no seo da OTAN. Rego acusa Sánchez de carecer de lexitimidade para presentarse como contrario ao militarismo e á presión dos Estados Unidos.

Sobre o Consello Europeo e a cimeira da OTAN

“Sr. Sánchez, vostede vén hoxe aquí a presentarse como o adaíl da oposición ao aumento do gasto militar e ás exixencias de Trump. Mais non ten ningunha lexitimación para iso. Ningunha” subliña o deputado nacionalista. De facto, Néstor Rego sinala que, malia que Sánchez afirme que o Estado español manterá o gasto militar en 2,1% do PIB, o propio Presidente asinou o acordo da OTAN para elevar esa cifra até 5%, sen que exista documentación oficial que avale unha suposta “excepción” para o Estado español.

Rego advirte que mesmo ese 2,1% xa “supón un gasto desproporcionado” e “unha barbaridade” porque esa porcentaxe do PIB “xa implicará inevitabelmente detraer recursos de políticas sociais.”

O deputado do BNG critica con dureza o que considera unha deriva belicista do executivo español, comprometido cunha estratexia liderada polos Estados Unidos e executada a través da OTAN. “Vostede enfiou, desde hai tempo, o Estado español nunha dinámica belicista comandada pola OTAN e ao servizo do imperialismo norteamericano que, nunha constante escalada, leva inexorabelmente a alimentar a espiral da confrontación e á militarización da sociedade.”

Nin 5%, nin 2%: o BNG aposta pola paz e as políticas sociais

Rego sostén que a clave non é a porcentaxe do gasto militar, senón a aposta política entre guerra e paz, e cualifica de “inxustificábel” destinar recursos a armamento en lugar de atender necesidades sociais reais. Neste sentido, o deputado do BNG lembra o incremento récord nos últimos orzamentos aprobados de Defensa: “pode vostede durmir tranquilo sabendo que está colaborando na perigosa estratexia militarista da OTAN e dos EUA e comprometendo diñeiro que se acabará por detraer de sanidade, educación, servizos sociais, vivenda ou pensións?” pregunta Rego a Sánchez durante a comparecencia.

Denuncia a complicidade da Unión Europea coas actuacións de Israel en Palestina

Durante a comparecencia do Presidente do Goberno, Néstor Rego recrimina -máis unha vez- o papel submiso e o silencio cómplice da Unión Europea ante o xenocidio que está a cometer o Estado sionista de Israel contra o pobo palestino.

“A ameaza está nun Estado colonial de Israel que após ter ocupado xa a maior parte do territorio da Palestina está a masacrar a poboación de Gaza nun xenocidio televisado. Israel non só é unha ameaza, Israel é inimigo da humanidade” subliña o deputado.

Saída da OTAN e a súa disolución

Rego reafirma a posición do BNG en contra da OTAN e reclama a saída do Estado español da alianza militar, propoñendo, cando menos, un referendo con garantías. “Non precisamos da OTAN e o único que lle reclamamos é que se disolva, polo ben da humanidade. En todo o caso, reclamamos que o Estado español se retire da OTAN. No mínimo é preguntar á cidadanía que opina. E a poder ser que esta vez o referendo non estea trucado como o que no seu día realizou Felipe González” salienta.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG