BNG denuncia os constantes atrasos do Goberno do PP para a elaboración dun Plan Integral de Danza que cumpra coas demandas do sector

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Queixas recrimina a Jacobo Sutil, director de AGADIC, pola actual deriva do Centro Coreográfico Galego, “cada vez menos Centro, cada vez menos Coreográfico e cada vez menos representativo do sector das artes do movemento Galego”

O BNG levou ao Parlamento a situación de parálise do Plan Integral da Danza, anunciado no 2020 polo Goberno do PP e, ata o día de hoxe, sen ningún avance substancial e con críticas por parte do sector da danza.

“Ás portas de febreiro de 2023, non temos aínda Plan Integral da Danza, temos nota de prensa dun novo anuncio acompañado de polémica e de política de desgaste do sector da danza”, recriminou a portavoz de Cultura, Mercedes Queixas, que se fixo eco das críticas á ultima e “pequena” ruta do Goberno do PP sobre este tema, “recibiu de contado críticas, ao non contar na presentación con todos os participantes e non ter sido convocados con tempo suficiente nin informados”, cunha parte do sector descoñecedora de que se ía presentar Plan algún, xa que os pasos que se están a seguir danse “sen ningún tipo de consenso”.

Queixas criticou a deriva dun Centro Coreográfico Galego “cada vez menos Centro, cada vez menos Coreográfico e cada vez menos representativo do sector das artes do movemento Galego”, cuxa financiación exigua por parte dos Populares, xa que o CCG pasou de contar con 538.200 euros no ano 2010 a dispoñer só de 100.000 nos Orzamentos do 2023, “que queda do CCG nado como centro de creación, produción, formación e investigación para o desenvolvemento da danza en Galicia?”, inquiriu a parlamentaria do Bloque, “poden vostedes detallar aquí un plan para o CCG? Porque é o que o sector precisa ouvir, non o seu periplo de reunións”. Ademais, demandou explicacións sobre a rápida retirada da información sobre este plan na web de AGADIC, ao cal non respondeu o director de AGADIC.

A parálise do Plan Integral da Danza e o actual esmorecemento do CCG son dous síntomas dunha “política de feitos consumados” dos Populares aos que se suma a anulación da autonomía do CCG, co cambio nos estatutos da AGADIC para fusionar os departamentos de música e danza e reducir as competencias asignadas ao novo departamento e a convocatoria dun concurso de dirección do CCG despois de ano e medio sen dirección artística, “sen respectar o compromiso de redactar bases consensuadas co sector e sen priorizar nos criterios de selección a formación específica, o coñecemento e a experiencia profesional específica en danza cunha comisión de valoración que non destacou por estar representada por profesionais destes sector”, denunciou a portavoz de Cultura.

Queixas emprazou a Jacobo Sutil e ao Goberno do PP deixar atrás os 13 anos de parálise do Plan Integral da Danza, atender as demandas do sector e a exercer un compromiso “real, organizativo e económico” para reactivar a programación, produción, formación do sector que debe ser o Centro Coreográfico Galego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG