Congreso

O BNG denuncia no Congreso o estado no que se atopa a estrada N-550 ao seu paso por Padrón

Padrón (N-550)
Padrón (N-550)
Néstor Rego leva o Congreso as demandas da Asociación de Veciños e Veciñas de Pazos para que se amañe o deplorábel estado no que se atopa a estrada N-550.

O BNG insta o Goberno, concretamente o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de quen depende esta vía, a realizar algunha actuación de reparación inmediata da N-550 no tramo que discorre polo municipio de Padrón, así como, a mellora da sinalización e iluminación dos pasos de pións situados ao longo do citado tramo da N-550 nas parroquias de Pazos, Iria-Flavia e o casco urbano iriense.

O deputado Néstor Rego preguntou o Goberno se incluirá unha partida nos Orzamentos Xerais do Estado do 2020 destinada á mellora integral da N-550 ao longo de todo o seu trazado. De non ter previsto unha actuación global, o BNG cuestiona cales son os puntos quilométricos nos que se ten planeado próximas actuacións.

A Asociación de Veciños e Veciñas de Pazos rexistrou, debido a estes feitos, unha denuncia ante o Ministerio alertando do mal estado do firme da vía N-550 entre os quilómetros 79 e 81, principalmente en dous dos pasos de peóns. Así mesmo, o tramo da vía nacional que discorre pola parroquia veciña de Iria-Flavia, e polo propio centro urbano de Padrón, está cheo de fochancas e zonas sen asfalto, que dificultan gravemente a circulación e fana perigosa para vehículos e viandantes.

A situación viuse agravada polas choivas do outono e inverno, pero o actual estado da  N-550 en Padrón débese principalmente ao desgaste e deterioración acumulado durante anos polo paso diario de miles de vehículos e que agora, ademais, prexudica aos peóns que deben cruzar a estrada, polo que a súa necesidade de arranxo é máis que urxente.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG