Congreso

BNG denuncia no Congreso a agresión imperialista dos EUA e exixe a saída inmediata da OTAN

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego defende abandonar a OTAN e fechar as bases: “Atrévase a convocar un referendo sobre a permanencia ou a saída da OTAN. Iso sería o digno e democrático”

O deputado do BNG cualifica o ataque ianqui como “un ataque imperialista que vulnera o Dereito Internacional” e denuncia a submisión dos líderes europeos

Frente ao servilismo imperialista da ultradereita e a dereita ultra española aos intereses norteamericanos, patriotismo galego

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia con dureza a agresión imperialista dos Estados Unidos contra Venezuela –cualificándoo como unha clara vulneración do Dereito Internacional- e a actitude “morna” do Goberno español durante a comparecencia do ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, no pleno da cámara baixa.

“O bombardeo realizado no día 3 de xaneiro polos Estados Unidos en Venezuela e o secuestro do presidente constitucional, Nicolás Maduro, é una acción que de maneira clara vulnera o dereito internacional e viola a soberanía dese País” afirma Rego, quen cualifica de inaceptábel a reacción do executivo español. “Mágoa que ao Goberno español e ao seu presidente lle levase tres días en reparar niso e comezase por falar de ‘desescalada’ e de ‘mediación’, cando se trataba dun ataque unilateral dun País sobre outro”.

Para o deputado nacionalista, o ocorrido en Venezuela non é un feito illado, senón unha nova expresión do imperialismo estadounidense. “É unha actuación que responde exclusivamente aos intereses económicos, xeopolíticos e estratéxicos dos EUA, que tenta a toda custa conter o seu declive inevitábel” advirte, lembrando que esta estratexia busca manter “a evidente perda de hexemonía e a exclusividade do dólar como moeda dos intercambios económicos internacionais”.

Neste sentido, Rego alerta de que esta ofensiva vai moito máis alá de Venezuela. “Reactiva formalmente a doutrina Monroe e ameza outros países da América Latina, como Colombia, Cuba ou México. O obxectivo último é o control global de territorios e recursos desde o Medio Oriente -en colaboración co seu aliado, o estado criminal de Israel- até a propia Grenlandia, territorio dun estado membro da Unión Europea” sinala.

“Fóra de lecturas simplistas, infelizmente habituais, Trump non é un tolo imprevisíbel. É a expresión actual do vello imperialismo nortamericano” cualifica o deputado nacionalista subliñando que agora “xa non ocultan en retórica de defensa da democracia os verdadeiros intereses de control de países e de recursos”.

O trumpismo no Estado español e a submisión europea

Durante a comparecencia, Néstor Rego carga con especial dureza contra a dereita e a ultradereita españolas polo seu servilismo. “Por iso resulta máis patética a posición seguidista da dereita e da ultradereita española” afirma, dirixíndose directamente a Alberto Núñez Feijoo: “Fica claro que o sr. Feijoo, xa non conta con chegar a ser presidente do Goberno español, porque senón a perspectiva de poder ser secuestrado por unha potencia estranxeira daríalle arrepío en vez de lle provocar entusiasmo”.

Desde unha posición de defensa nacional galega, Rego reivindica con firmeza o compromiso do BNG coa soberanía. “Mire, nós somos patriotas galegos, amamos a nosa patria e defendemos os intereses da nosa nación, da Galiza frente a quen prefire ser lambebotas do imperialismo norteamericano, felices no papel de servos do señor escuro”.

“A submisión dos líderes europeos aos ditados de Washington non pode caer máis baixo” denuncia Rego estendendo a súa crítica aos líderes europeos e lembrando que quen realmente ameaza Europa “son os Estados Unidos de América”.

Finalmente, Néstor Rego fai un chamamento á mobilización política e democrática contra o imperialismo. “Desde unha posición non xa de esquerda, senón de mínima dignidade, hai que parar Trump e o imperialismo norteamericano” asegura, defendendo que “a mellor maneira de facelo é saír da OTAN e fechar as bases”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG