O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Parlamento de Galiza un conxunto de iniciativas para poñer en negro sobre branco o “profundo malestar” do colectivo de PSX (Persoal de Servizos Xerais) e auxiliares administrativos de Atención Primaria, tanto en centros de saúde como nos PAC. A deputada nacionalista Montse Prado denunciou que a orixe deste descontento está na implantación “unilateral e precipitada” do novo aplicativo de xestión da tarxeta sanitaria, SIGAP-MANTS.
“O cambio foi comunicado mediante correo electrónico o mesmo día da súa posta en marcha, eliminando o aplicativo anterior e entrando en funcionamento inmediato en plena ponte do 1º de maio, sen ningún tipo de formación previa nin planificación”, criticou Prado. A única documentación facilitada consistiu en manuais extensos, de ata 215 páxinas no caso completo, xunto con versións reducidas para centros de saúde e PAC.
As consecuencias foron inmediatas e aínda persisten: bloqueos na atención por un elevado número de incidencias operativas, atrasos na xestión das persoas doentes ao non poder acceder aos seus datos, e unha sobrecarga inasumible. “Unha xestión sinxela leva agora 15 ou 20 minutos por descoñecemento do novo programa, o que incrementa a presión asistencial e administrativa”, explicou Prado, quen tamén subliñou a “indefensión, desgaste profesional, estrés laboral, desmotivación e perda de calidade no servizo”.
A deputada do BNG advertiu de que non se trata de incidencias puntuais, senón “dun modelo de xestión baseado na imposición de cambios sen planificación, na ausencia de reforzos de persoal, na falta de formación real e na exclusión sistemática do persoal das decisións que afectan ao seu traballo”. Neste senso, recordou que segundo o último informe do Consello de Contas, o colectivo de PSX en Atención Primaria está formado por 2.000 persoas, e que a pesar da enorme carga de traballo que soportan, hai un 32% de prazas vacantes, é dicir, 640 postos sen cubrir.
Prado respondeu así á insistencia do PP en sinalar a falta de médicos como o único problema da Atención Primaria: “Tamén hai PSXs para contratar? Claro que si, pero non os contratan porque o único plan que ten o PP para o cadro de persoal do Sergas é que menos profesionais fagan o traballo de todos os que non están, e en peores condicións”. A nacionalista defendeu que a atención sanitaria non funciona de maneira illada por categorías: “Funciona como un sistema interdependente no que cada profesional sostén unha parte necesaria do servizo público. Todas e cada unha desas categorías deben ser tratadas co mesmo respecto, planificación, protección organizativa e consideración profesional”.
Por todo iso, o BNG insta a “que o Sergas cese no ninguneo, o maltrato e a desconsideración que practica permanentemente co seu persoal”. Entre as peticións concretas figuran: atender as reclamacións do colectivo de PSX e auxiliares administrativos; realizar unha análise da carga de traballo real e un dimensionamento axeitado das plantillas; garantir que toda implantación de novos aplicativos se leve a cabo con planificación previa, comunicación anticipada, formación práctica suficiente e tempos de adaptación; e establecer mecanismos de participación efectiva do persoal PSX nas decisións que lles afectan, do mesmo xeito que xa ocorre con outras categorías.