A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Saleta Chao, lamentou que a Xunta de Galiza “converta a crise xeopolítica actual nunha oportunidade de mercado” para ofrecer o país como “destino seguro e estable” fronte á inestabilidade en Oriente Medio e Asia. “A crise xeopolítica actual é a guerra imperialista dos Estados Unidos e Israel contra Irán. A Xunta quere promover turísticamente este país aproveitándose das consecuencias da guerra”, denunciou Chao, que tamén recordou que o Goberno de Rueda xa intentou promocionar Galiza como “refuxio climático” fronte á emerxencia climática.
A deputada do BNG criticou a “ausencia de planificación” e a “teima da Xunta de non colaborar con ninguén”, especialmente co Concello de Santiago. “É insólito que a Xunta planifique o Ano Santo compostelán sen Compostela”, afirmou. Chao denunciou que, a oito meses de 2027, o Goberno galego aínda non creou unha comisión de coordinación como as dos Xacobeos anteriores, nin presentou un plan estratéxico de comunicación ou unha programación propia detallada. “Van moi tarde ou están a facelo en máximo segredo”, sinalou.
Finalmente, a deputada preguntou ao director de Turismo de Galiza se está prevista esa comisión de coordinación, cales son as previsións de visitantes (máis aló de superar os 9 millóns), e que innovacións e programas específicos de acollida ou actividades culturais se están a traballar de face ao Xacobeo 2027. “O Xacobeo é o principal produto turístico deste país, pero non se pode improvisar”, concluíu.