BNG denuncia o atraso por parte da Xunta do PP no envío do informe anual sobre violencia machista

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas critica a “desidia” do Executivo de Rueda na loita pola igualdade e acúsao de “falta de respecto ao Parlamento e ás mulleres deste País”

A deputada Noa Presas denuncia o atraso por parte do PP No envío do informe sobre violencia machista, no que considera un claro acto de “desidia” por parte do Goberno en materia de igualdade e unha “falta de respecto ao Parlamento galego e sobre todo ás mulleres deste País.

“Desde o BNG queremos denunciar a desidia do goberno da Xunta en materia de violencia machista pois estando xa en agosto a xunta aínda non remitiu ao parlamento galego o informe anual sobre as actuacións contra a violencia machista do ano 2023”.

Presas recorda que “non é habitual que se atrase tanto” xa que “o normal é remitilo entre abril e xuño para que se poida analizar e debater na Cámara”. Cualifica a demora de “falta de respecto ao parlamento” e dunha “desidia que vai na mesma liña da supresión da Secretaria Xeral de Igualdade no inicio deste mandato para diluíla en dúas direccións xerais”, un xesto que daquela a deputada nacionalista describiu como unha mostra máis de “submisión ao PP de Madrid, que fai seguidismo da extrema dereita”.

Presas asegura que esta desidia do Executivo de Rueda a respecto da violencia machista vai ademais no mesmo camiño da recente privatización dos centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual, un proceso ao que se van destinar 7,5 millóns de euros para que empresas multiservizos engorden o seu negocio a conta dos dereitos das mulleres, como vén denunciando o BNG.

O Informe anual de violencia de xénero do 2023 conta con outros dous informes específicos que se veñen incorporando os últimos anos a petición do BNG, un que fai referencia ás prestacións periódicas que a Xunta concede ás vítimas da violencia de xénero, e outro sobre as violencias sexuais.

Noa Presas lembra que no ano 2021 este informe sobre violencia de xénero remitiuse en maio, no 2022 en abril e no 2023 a comezos de xuño.

Noas afirma que “desde o BNG non compartimos esta desidia do Goberno galego” e anuncia a presentación de iniciativas para que se remita o informe “canto antes e para que se corrixa esta situación”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG