BNG denuncia o asedio da SAREB ás familias do barrio de Piñeiros en Narón

Néstor Rego
Néstor Rego

Tanto o BNG no Congreso como o BNG no Concello de Narón, a través da súa Portavoz Olaia Ledo, demandan ao Goberno do Estado que ofreza unhas condicións dignas nos contratos de alugueiro, atendendo cando menos aos prezos do mercado,  para non obrigar ás persoas inquilinas a abandonar as súas vivendas.

Para Rego resulta intolerábel e vergoñento que un ente público como a SAREB utilice tácticas de coacción propias de fondos voitre para lograr o desaloxo dos inmóbeis.

O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar de urxencia unha iniciativa na cámara baixa tras coñecer as actuacións inxustas da SAREB coas quince familias do barrio de Piñeiros en Narón. A frente nacionalista demanda ao Goberno do Estado unha rectificación por parte da entidade pública e reclama unha oferta cunhas condicións dignas –cunha renda dentro do prezo de mercado- que permitan que poidan continuar co alugueiro das súas vivendas en lugar de obrigalos a deixar os seus fogares.

As vivendas construídas na Praza do Asilo do barrio de Piñeiros en Narón pola empresa Narón 2002 que non foron vendidas,  alugáronse inicialmente pola propia empresa construtora. A empresa cedeu a xestión dos contratos a outras inmobiliarias que seguiron asinando e renovando os contratos cos inquilinos con aparente normalidade.  Porén, sempre con total descoñecemento das persoas que alugaban os inmóbeis, a SAREB fíxose coa propiedade dos pisos nun proceso de execución da construtora en 2018.

“As familias foron coñecedoras desta situación cando en 2021 comezaron a recibir notificacións do Xulgado de Primeira Instancia de Ferrol mediante as que se lles comunicaba a obrigación de desaloxar as vivendas antes do 2 de decembro, día en que se fixaba o lanzamento, e advertíndolles que todos os bens que se atoparan nos inmóbeis serían considerados bens abandonados” lembra o a voceira nacionalista Olaia Ledo.

Aínda que o cambio de titularidade do propietario non debería afectar aos contratos en vigor, o xulgado de primeira instancia determinou que os contratos non son válidos por non realizarse coa entidade titular. “Desta forma, as persoas inquilinas, que realmente foron enganadas durante estes anos, pero que cumpriron coas súas obrigacións puntualmente vense agora abocados ao desafiuzamento” denuncia Rego.

“Agora a SAREB, a través da empresa HIPOGES IBERIA SL encargada de xestionar os alugueiros das propiedades da sociedade, diríxese ás familias para darlles un ultimatum e instándoos a aceptar unhas condicións abusivas para continuar co alugueiro ou, pola contra, abandonar as vivendas no prazo de cinco días” explica o deputado do BNG.

En opinión de Néstor Rego, a comunicación remitida ás e aos inquilinos “é absolutamente aldraxante”. Primeiro, por incluír afirmacións total e absolutamente falsas, como a referencia á falta de colaboración por parte dos arrendatarios. “É mentira que existisen intentos de solución amigable, como vai a considerase amigable ou un intento de conciliación a recepción dun aviso de desafiuzamento” afirma. Así mesmo, a SAREB falta á palabra dada, pois existía o compromiso de ofrecer a posibilidade de manter o alugueiro “a prezo de mercado”.  “Esta táctica é máis propia dun fondo voitre que dunha ente público” subliña o deputado nacionalista, “o prezo que viñan pagando os inquilinos estaba ao redor dos 350 euros e en todo o Concello é raro atopar prezos por riba dos 400, por iso non pode entenderse que exixan o pagamento de 520 euros. Só pode deducirse que o que pretenden é o contrario, lograr que as familias marchen dos seus fogares” conclúe Rego.

Ademais, na comunicación a SAREB da aos inquilinos un prazo de só 5 días naturais para remitir a documentación en caso de querer aceptar, en caso de non facelo concédenselles outros 5 días para o desaloxo da propiedade. “Non é en absoluto xusto obrigar aos arrendatarios a elixir entre aceptar unhas condicións abusivas ou do contrario ter que marchar e atopar outro aloxamento no prazo de 5 días realizando a mudanza de todos os seus bens. Non pode entenderse que esta situación sexa tan sequera proposta por parte dunha entidade pública como é a SAREB” finda a concelleira Olaia Ledo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG