Galegas 2020

O BNG denuncia o Executivo e a Feixóo ante a Xunta Electoral por utilizar a web do Goberno para facer propaganda do PP

Publicidade Xunta e PP
Publicidade Xunta e PP

O lema electoral do PP "Galicia é moito" reproduce unha campaña institucional impulsada desde a Xunta con cartos públicos con lendas como "O rural é moito"

Rubén Cela: “Esiximos do PP que deixe de facer campaña dopado e que por unha vez xogue limpo”

O BNG ven de presentar sendas denuncias ante a Xunta Electoral contra o Goberno da Xunta e contra o actual presidente, Alberto Núñez Feixóo, por utilizar a web institucional para facer propaganda en beneficio do PP. A formación nacionalista advirte que non só se está a utilizar a canle oficial para pregoar supostos logros do PP senón que mesmo se usa a páxina web do Executivo galego para difundir unha campaña institucional que copia o lema electoral Galicia é moito co que se está promocionando ao candidato Feixóo.

Para o Bloque é un caso de flagrante incumprimento do artigo 50.2 da LOREG, que recolle expresamente: “desde a convocatoria das eleccións até a celebración das mesmas queda prohibida calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos, ou que se utilicen imaxes ou expresións coincidentes ou similares ás utilizadas nas súas propias campañas por algunha das entidades políticas que concorren ás eleccións”.

O BNG denuncia a vulneración deste artigo por parte do PP por usar a web da Xunta e valados publicitarios, -en ambos casos recursos públicos pagados co diñeiro de todas e todos-, para difundir mensaxes similares e mesmo idénticas ás usadas polo propio PP nas sua campaña electoral.

Así, o Partido Popular publicita estes días a súa campaña preelectoral Galicia é moito acompañada da cara de Feixoo, -e o logo xibarizado do PP-, mentres que, ao mesmo tempo, está a difundir unha campaña institucional en valados exteriores e na propia web cos logos oficiais da Xunta que é unha copia descarada do lema electoral, lucindo lendas como O Rural é moito, Galicia é familia ou Galicia é verde (Ver imaxes adxuntas).

A isto hai que engadir que a web institucional acumula desde o día da convocatoria das eleccións do 5A unha catarata de notas de prensa difundido supostos logros do Goberno do PP, de novo nun incumprimento evidente do artigo 50.2 da LOREG. Deste xeito podemos ler titulares como: A Xunta dá novos pasos para completar o mapa da intermodalidade que fai posible que hoxe as sete cidades galegas teñan estacións intermodais en obras ou co proxecto definitivo; A Xunta duplica a achega económica ao financiamento dos accesos a intermodal de Vigo, pasando dun investimento de 1,7 millóns de euros a 3,4 millóns de euros; Feixóo estima que o orzamento (de 27 millóns de euros destinados a incentivar a economía social) posibilite a inserción laboral ou o mantemento de 3.500 empregos, etc.

Este uso “partidista” de medios públicos e de campañas institucionais ao servizo do PP e do seu candidato motiva a denuncia do BNG ante a Xunta Electoral, como explica o coordinador de campaña Rubén Cela.

“Entendemos que, como marca a lei, os poderes públicos deben respectar sempre os principios de neutralidade, obxectividade é transparencia, en particular ante unha cita coas urnas, todo o contrario do que está facendo o PP”, denuncia Cela, quen considera “impresentable que a precampaña electoral do PP sexa practicamente idéntica a campaña electoral da Xunta de Galiza”.

“Xa sabemos que o Partido Popular prefire facer campaña dopado, pero por unha vez que xogue limpo porque xa teñen bastante vantaxe usando os medios públicos como gabinete de comunicación e propaganda do candidato Feixóo”, critica o nacionalista.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG