O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas denunciando a grave agresión ambiental provocada pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) coas actuacións de emerxencia iniciadas no río Cabe ao seu paso por Monforte de Lemos, concretamente en Vilanova, e reclama ao Goberno do Estado a paralización inmediata dos traballos e a reposición da zona afectada ao seu estado anterior.
A CHMS anunciou recentemente o inicio de actuacións de reparación dos danos causados polos temporais do inverno no tramo do río Cabe comprendido entre o Club Fluvial e a parroquia de Ribas Altas, na zona de Sambade. Segundo informou o propio organismo, os traballos tiñan como obxectivo consolidar a marxe dereita do río e recuperar a servidume de paso nunha zona afectada por importantes procesos de erosión que supuñan un perigo para os viandantes.
Porén, o BNG advirte que as obras que actualmente se están executando no lugar de Vilanova exceden claramente os traballos anunciados e están a provocar unha alteración moi grave das marxes do río Cabe, con movementos de terra de grande volume que “non gardan relación ningunha co proxecto presentado publicamente”.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama explicacións ao Goberno do Estado e demanda transparencia sobre unhas actuacións que considera “incompatíbeis coa protección ambiental e coa conservación do entorno natural do río Cabe”.
Neste sentido, Rego tamén exixe á CHMS explicar “por que se están realizando movementos masivos de terra en Vilanova cando as obras anunciadas se limitaban á zona de Sambade” e reclama coñecer “se estas actuacións forman realmente parte do proxecto aprobado, por que non figuraban na documentación feita pública e baixo que autorizacións se están executando”.
O deputado nacionalista require ao executivo aclarar se o Concello de Monforte foi informado previamente destas actuacións e se o propietario particular afectado polos traballos recibiu a correspondente comunicación. Así mesmo, reclama acceso ao expediente completo das obras, incluíndo actuacións previstas, custes desagregados e tramitación administrativa.
A organización nacionalista subliña que comparte “plenamente a necesidade de actuar para reparar os danos ocasionados polos temporais e garantir a seguridade das persoas” mais considera “absolutamente intolerábel que unhas obras de emerxencia rematen converténdose nunha agresión ambiental de enorme impacto sobre o río Cabe”.
Pola súa parte, o voceiro municipal do BNG en Monforte, Emilio Sánchez Iglesias, asegura que “a veciñanza está preocupada polo alcance real das obras e pola falta total de información sobre o que se está facendo en Vilanova”. Sánchez Iglesias denuncia que “non pode permitirse actuar con esta opacidade nun espazo natural de tanto valor ambiental e paisaxístico” e solicita “transparencia, control institucional e respecto absoluto polo entorno do río Cabe”.