parlamento galego

BNG denuncia “agravio comparativo” do persoal sanitario do Salnés e Barbanza co resto dos hospitais comarcais para acceder ás prazas de facultativos en Atención hospitalaria

Iria Carreira
Iria Carreira
Iria Carreira salientou que os  hospitais do Salnés e da Barbanza son considerados de “difícil cobertura  de prazas” pero o seu persoal  non recibe puntuación adicional no proceso selectivo por esta condición

A portavoz de Sanidade hospitalaria do BNG, Iría Carreira trasladou á directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña “o agravio comparativo” do persoal sanitario dos hospitais do Barbanza e Salnés para acceder á condición de persoal estatutario fixo en diferentes especialidades co “tripo de puntuación” como a outorgada  nos distritos sanitarios de Cee, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín e o Barco de Valdeorras.

Na formulación da pregunta ao goberno na Comisión de sanidade, a parlamentaria nacionalista explicou que este baremo corresponde a resolución do 11 de maio de 2023 da Dirección Xeral de Recursos Humanos na convocatoria do proceso selectivo, e ao seu xuízo representa “un grave  agravio comparativo”.  

Por outra banda, Iría Carreira lembrou que a  lei 2/2022 de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura do SERGAS recolle na súa exposición de motivos que “estamos ante un problema estrutural”, é dicir, que está perpetuado por anos de políticas destinadas a consolidar este modelo, pero que pretenden solucionar pola vía das medidas extraordinarias. Iso si, sen realizar ningunha análise, ningunha avaliación, sen atender a como está a día de hoxe o sistema, o persoal e cales son as necesidades presentes e futuras, sen contemplar que repercusión tiveron as medidas que se foron implantando durante todos estes anos, criticou.

Carreira explicou  que os problemas derivados desta situación xa foron trasladados ao conselleiro de Sanidade en sesión plenaria, pola deputada do BNG, Montse Prado   que puxo o foco no impulso dunha  Lei con carácter extraordinario para acceder a prazas de facultativos do Sergas, semellante á  Lei 18/2021 de medidas Fiscais e Administrativas para acceder a prazas para persoal facultativo especialista de Atención primaria; convertendo “unha vía excepcional,  nunha vía habitual”.

Ademais, naquel momento, na súa intervención Prado resaltou   “o establecemento dun agravio comparativo”, ao contemplar que os sete hospitais comarcais teñen problemas de cobertura e logo exclúe aos hospitais do Salnés e do Barbanza da valoración tripla de servizos prestados.

“Sen  ningunha dote de adiviñación” ironizou a deputada, hoxe  podemos  constatar que as advertencias realizadas naquel entón teñen unha translación á realidade. E  vemos como estes dous hospitais están tendo problemas de cobertura porque o persoal está a rexeitar contratos nestas dúas áreas por mor da diferenza na puntuación que lles outorga o tempo traballado nestes dous hospitais, ademais do “agravio comparativo” que se dá entre as profesionais dos diferentes hospitais comarcais.

 Por unha banda, os hospitais do Salnés e da Barbanza son considerados de difícil cobertura para dotalos de prazas; e  por outra, o persoal que presta servizos nestes centros “non ten esa condición e non recibe puntuación adicional”.

Esta situación, recalcou a deputada do BNG, provoca  a existencia de prazas vacantes  porque as profesionais prefiren traballar noutras áreas, e isto repercute con servizos con persoal sobrecargado e con, novamente, repercusións sobre a calidade asistencial que teñen as pacientes destas áreas.

Iria Carreira finalizou a súa intervención preguntando á directora xeral de Recursos Humanos do Sergas se o Goberno galego tomará algunha medida para corrixir a situación, e afeou que Ana Comesaña acusara ao BNG de prexudicar aos hospitais de Cee, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín e o Barco de Valdeorras cando a nosa intención, afirmou a nacionalista,  é poñer de manifesto “un agravio comparativo” que non garante os dereitos dos profesionais dos hospitais do Salnés e Barbanza e dende o BNG seguiremos defendendo e reclamando a dotación de persoal e servizos para todos os hospitais comarcais, “cousa que vostedes, de maneira reiterada, non fan”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG