BNG denuncia o “abandono acumulado” das pistas de concentración parcelaria e exixe un plan de reparación

Sonia Vidal
Sonia Vidal
Sonia Vidal advirte de que os temporais deixaron pistas “literalmente intransitables” en varias comarcas e lembra que alcaldes de distintos signos políticos xa reclamaron unha fronte común ante a “ausencia total de resposta” do goberno galego

A deputada do Bloque Nacionalista Galego Sonia Vidal denuncia no Parlamento o “estado crítico” das pistas das concentracións parcelarias tras os recentes temporais, unha situación que evidencia “o abandono acumulado durante anos” por parte da Xunta de Galiza. “Falamos de infraestruturas básicas para producir alimentos, para manter a actividade económica e a vida no rural galego”, subliñou Vidal, quen asegurou que “o goberno do Partido Popular leva demasiado tempo intentando ocultar esta realidade detrás de fotografías en feiras e discursos triunfalistas”.

A deputada nacionalista puxo como exemplo a comarca da Limia, “estratéxica para a produción agraria”, onde as pistas asfaltadas presentan “fochancas profundas, perdas de firme, cunetas desaparecidas e accesos imposibles para a maquinaria pesada”. Segundo Vidal, “nin contratistas poden transitar por elas”, o que está a impedir a actividade produtiva en milleiros de explotacións. Ademais, lembrou que alcaldes e alcaldesas de diferentes cores políticas constituíron unha fronte común o pasado 11 de marzo para reclamar á Xunta que “interveña para garantir a seguridade e a mobilidade”.

Vidal criticou que, mentres os concellos deron a cara, a Xunta permaneceu “instalada nunha despreocupación absoluta”. Sinalou que o Ministerio solicitou unha avaliación técnica que cifrou os danos nuns 26 millóns de euros e comprometeu o 50% deses custos, “polo menos houbo unha resposta institucional do Estado”, dixo. En cambio, denunciou que a Xunta aínda non deu resposta á moción aprobada por unanimidade en abril na Deputación de Ourense, que reclamaba unha liña específica de financiamento para a reparación das pistas. “Estamos no mes de maio, coa actividade agraria a pleno rendemento, e hai explotacións que seguen tendo enormes dificultades para acceder ás parcelas”, advertiu.

A deputada do BNG rexeitou que a Xunta derivase responsabilidades cara aos concellos ou se escudase nas convocatorias ordinarias do Plan Marco de Mellora de Camiños. “Non estamos falando dun mantemento habitual, senón dunha situación extraordinaria derivada dos temporais. Non chega con trasladar responsabilidades nin con anunciar millóns en titulares”, afirmou. Para Vidal, “o que está en xogo é a viabilidade da actividade agraria do país e o futuro do rural galego”. Por iso, exixiu á Xunta “un plan extraordinario con financiamento extraordinario, coordinación real cos concellos e prazos claros de execución”, e concluíu: “O goberno do rural non é só promocionar produtos, senón garantir que os agricultores e gandeiros os poidan producir”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG