BNG demandará no vindeiro pleno medidas urxentes para encarar a escalada de prezos

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil avanza que as propostas do BNG son “necesarias e factibles e non dependen doutras administracións”

Afirma que estamos ante un  “goberno interino” máis preocupado polos leas internas do Partido popular que pola crise económica e Galiza necesita un goberno e un presidente centrado nos problemas das galegas e galegos

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou, tras a xuntanza de portavoces, que o BNG proporá no vindeiro pleno, medidas urxentes para encarar as escalada de prezos. Para a nacionalista, “todas as nosas propostas son concretas e factibles” e sobre todo, “non dependen doutras administracións”.

A pregunta que formulará a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón ao presidente da Xunta será “se cre que Galiza merece un goberno interino en plena crise” porque o goberno está máis preocupado polos “líos internos do Partido popular” que pola situación de crise dos fogares, empresas e sectores produtivos no noso país.

Neste sentido, considerou que Galiza precisa un “goberno” na Xunta obrigado a tomar medidas e cun presidente centrado en Galiza e nos problemas dos galegas e galegas.

A decisión de dimitir, recalcou a viceportavoz do BNG,  compete só a Feixóo pero Galiza non merece un “presidente a medida xornada e medio gas”, Galiza necesita un goberno “centrado nos problemas de Galiza”. Esta situación de “interinidade” recalcou a nacionalista, “debe acabar o antes posible, polo ben de todos e todas”.

No BNG, polo contraio, “estamos preocupadas e ocupadas pola conxuntura actual e pola necesidade de impulsar medidas urxentes, que axuden as galegas e galegos no inmediato e tamén outras de carácter máis estrutural”.

Rodil fixo un chamamento a participar na mobilización do 3 de abril que terá lugar en Santiago de Compostela, convocada polo BNG  para exixir medidas urxentes contra a crise e reiterou que as propostas que defenderá a forza nacionalista no vindeiro pleno van nesta liña. Entre as propostas destacou: “Axudas temporais directas ao sector agrogandeiro e pesqueiro afectado polo  dos custes de produción unidas ao incremento da contía das prestacións sociais para axudar os colectivos sociais máis vulnerables”. Para isto, dixo, é preciso “subir a RISGA, incrementar as axudas ás mulleres en situación de violencia machista e 100 euros máis para as pensións non contributivas a través da suba do complemento autonómico”.

En paralelo a estas demandas, defenderemos unha proposición non de lei para “rebaixar as peaxes das autoestradas autonómicas”.  Asemade, o BNG interpelará ao goberno ante a falta de propostas para paliar as consecuencias da crise económica nos sectores produtivos, agrogandeiro e pesqueiro, gravemente afectados polo incremento do prezo dos combustibles, un problema  agravado pola inflación e a Guerra de Ucraína.

Por outra parte, engadiu que o BNG formulará  ao goberno unha pregunta urxente  sobre as axudas en materia de vivenda a vítimas de violencia machista  sen convocar desde o ano pasado polo que desde o 10 de decembro de 2021, “non están nin pagando a quen solicitou  as prórrogas nin permitindo incorporar novas usuarias”.

Desde o BNG, recalcou Rodil, levamos advertindo das consecuencias sociais da “incompetencia do PP” en moitos ámbitos pero especialmente en política de vivenda porque “están deixando mulleres extremadamente vulnerables soas e desamparadas”.

Finalmente, Rodil aludiu a interpelación do BNG  ao goberno sobre o Ingreso Mínimo Vital (IMS) en mans do estado polo que pediremos “a súa transferencia” para facilitar os trámites reducindo a  burocracia  e que o IMS sexa  compatible co RISGA, sobre todo na situación económica excepcional que estamos vivindo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG