A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Mercedes Queixas, defendeu na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei na que insta á Xunta a dotar o CEIP Concepción Arenal da Coruña do profesorado especializado necesario para atender no curso 2025-2026 o alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) e necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).
A iniciativa do BNG pretendía dar resposta á grave situación que vive o centro, que conta cun número crecente de alumnos e alumnas con necesidades de atención educativa —81 en total, 20 con discapacidade recoñecida e 8 pendentes de valoración—, pero dispón de menos profesorado ca o curso pasado.
Queixas advertiu de que esta carencia “obriga a excluír ao alumnado que máis apoio precisa” e evidencia unha “política educativa insensible e contraria á inclusión”. “Non se pode falar de igualdade de oportunidades cando se deixa atrás aos nenos e nenas con máis dificultades”, afirmou.
A deputada nacionalista lamentou que o PP votase en contra da proposta, “negándose a garantir un dereito básico como é o acceso á educación en condicións de equidade”. “O PP é o verdadeiro problema para a diversidade e para a educación pública galega. Non imos calar ante a súa política da indiferenza e da exclusión”, subliñou.
Queixas acusou ao Goberno de Rueda de “xogar coa vida escolar e emocional de familias e profesorado”, lembrando que “non é unha cuestión de falta de recursos económicos, senón de vontade política”. “Hai orzamento para publicidade institucional e para concertos educativos, pero non para reforzar a atención a alumnado con discapacidade”, reprochou.
Por último, a deputada do BNG pediu á Consellería de Educación que reciba ás familias do CEIP Concepción Arenal, presentes na comisión, “escoite as súas demandas e rectifique de inmediato para garantir unha educación pública verdadeiramente inclusiva e xusta”.