BNG demanda un tren de proximidade do século XXI para Galiza cunha viaxe reivindicativa entre Ferrol-A Coruña

Reivindicación tren
Reivindicación tren

Pontón: “Quería poñerme na pel dunha persoa traballadora, estudante ou veciña que ven imposible usar o tren por horarios, traxectos e prezos”

Prioritario recuperar as frecuencias suprimidas pola COVID e o avant das 6:30 H A Coruña-Ourense eliminado tras a chegada do AVE. Pide a transferencia do ferrocarril interior

Responsabiliza ao Goberno central e a inacción de Feixóo do progresivo desmantelamento do tren para comunicarse polo interior do País

BNG demanda un tren de proximidade do século XXI que comunique as vilas e cidades de Galiza con horarios, duración de traxectos e prezos competitivos e adaptados ás necesidades de traballo, de xestións, de estudo ou de ocio da cidadanía, e para iso, unha ampla representación de responsables nacionalistas, encabeza pola portavoz nacional, Ana Pontón, fixou unha viaxe reivindicativa collendo o tren entre Ferrol e A Coruña. “Con esta viaxe quería poñerme na pel dunha persoa traballadora, dun estudante ou de calquera veciño e veciña que queira usar o tren para desprazarse entre ambas cidades, pero que se topa coa realidade de que é case misión imposible usar este medio de transporte de xeito habitual por tres motivos: a falta de horarios, a duración dos traxectos e mesmo o prezo dos billetes”, sintetizou a líder do BNG a súa chegada á estación coruñesa.

“Case podemos dicir que son heroes e heroínas as persoas que deciden coller o tren”, recalcou, pois aparte das mínimas frecuencias horarias, a duración do percorrido duplica e mesmo pode chegar a triplicar os trinta minutos que leva facer o traxecto por estrada. A imposibilidade de usar o tren como medio habitual para viaxar de Ferrol-A Coruña, e viceversa, non é un caso illado, pois fora do eixo atlántico a opción do ferrocarril para desprazarse polo País non é funcional lastrada pola falta de investimentos e polo progresivo desmantelamento.

Por exemplo, desprazarse desde Lugo a Coruña e inviable e tampouco ten conexión directa con Santiago, hai que pasar por Ourense con tempos que chegan a superar as tres horas e un custe de 30 €. Igual se pode dicir do FEVE que fai a ruta entre Ferrol e Viveiro, obsoleto e cunha liña que se mantén case igual que cando se inaugurou fai cinco décadas. E na provincia de Ourense, excluíndo a capital, o servizo de tren está practicamente desmantelado.

Reivindicación tren“Este abandono do tren en Galiza ocorre mentres nos países europeos do noso entorno é o transporte de presente e de futuro porque reduce emisións, é máis barato e máis sostible e non podemos deixar que Galiza se quede atrás”, denunciou Pontón, para quen esta situación ten causas e responsables. “A causa está no abandono do Estado das infraestruturas ferroviarias, máis aló do Eixo Atlántico, e os responsables son por un lado os sucesivos Gobernos do Estado, tanto do PP como do PSOE, que seguen empeñados en discriminar Galiza tamén cando se trata da modernización do tren. E por outro, o Goberno de Feixóo que leva doce anos incapaz de defender un tren de proximidade propio do século XXI”, criticou.

A líder do Bloque explicou as propostas da formación nacionalista a favor dun servizo de proximidade moderno e eficaz, empezando por dúas medidas inmediatas:   recuperar todas as frecuencias suprimidas durante a COVID e segundo, recuperar o tren avant das 6:30H que comunicaba A Coruña con Ourense, “utilizado por moitos coruñeses e coruñesas a diario para ir a traballar”, que se suprime para dar prioridade ao AVE.

Proposta a medio prazo

No medio prazo, o BNG propón un plan de compensación para o sistema ferroviario que permita actualizar e modernizar todas as vías en servizo, con horarios, maquinaria e prezos competitivos. Igualmente, transferir a Galiza as competencias en materia de ferrocarril interior, como xa teñen Euskadi, Cataluña, Valencia ou Andalucía. De feito, o propio Parlamento galego aprobou por unanimidade esta transferencia, pero Feixóo non moveu un dedo para conseguila en doce anos, explicou. E para a xestión dun ferrocarril de proximidade, o Bloque aposta crear o GALTREN, un ente ferroviario propio.

Na viaxe reivindicativa, tamén participou o deputado Nestor Rego, así como alcaldes e responsables municipais e comarcais de Ferrolterra, como o portavoz municipal de Ferrol, Iván Rivas, ós que sumou o portavoz municipal da Coruña, Francisco Jorquera, a súa chegada á estación herculina.

Rivas destacou que o trazado da liña Ferrol-A Coruña ten máis dun século, “unha vergoña”, denunciou, que se debe ao “absoluto abandono do Goberno central coa cidade de Ferrol” sen que o goberno local mova un dedo. “Precisamos que se desenvolvan os investimentos que hai tempo sabemos cales son e materializar cuestións como duplicar vía, electrificación ou o bypass en Betanzos”.

Pola súa parte,  Jorquera insistiu no abandono da liña Ferrol-A Coruña, con características máis propias dos camiños de ferro de hai cen anos que dun ferrocarril do presente,  e citou a inauguración en 1913 do tramo Betanzos-Infesta-Ferrol “que xa partiu co deseño absurdo e centralista de comunicar Ferrol coa Meseta en lugar de comunicala coa Coruña”. “Hai que investir para darlle un servizo de proximidade a unha área e a unha poboación de 600.000 habitantes”, destacou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG