O BNG demanda un terceiro xulgado de primeira instancia e instrución para Viveiro

Viviero
Viviero

A cabeza de lista ao Congreso, Maite Ferreiro, xunto coa candidata á alcaldía de Viveiro Miriam Bermúdez visitaron os xulgados de Viveiro

“A primeira iniciativa que levarei ao Congreso será para que se dote aos xulgados cos medios necesarios para loitar contra a Violencia de xénero” afirmou Maite Ferreiro

Na mañá de hoxe, a cabeza de lista do BNG ao congreso, Maite Ferreiro, xunto coa candidata á alcaldía de Viveiro, Miriam Bermúdez, a responsable comarcal do Bng Ana Ermida e o deputado provincial Antonio Veiga visitaron os xulgados de Viveiro e reuníronse cos traballador@s, que ao igual que a sociedade viveirense e mariñá demandan solucións á saturación nos órganos xudiciais.

Viveiro e A Mariña precisan unha administración de xustiza áxil e moderna e con recurso suficientes

 Os xulgados de Viveiro están entre os mais saturados de Galiza, teñen dous órganos xudiciais para atender a máis de 45.000 habitantes (Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz) e o Xulgado número 1 ten ademais, das competencias ordinarias, as de Rexistro civil e o Xulgado numero 2 funciona tamén como Xulgado de Violencia sobre a  Muller,  polo que a creación dun terceiro Xulgado de Primeira Instancia e Instrución axudaría a desconxestionar a grande cantidade de pleitos que tramitan a diario os dous órganos xudiciais viveirenses.

O terceiro Xulgado de Primeira Instancia e Instrución é necesario tamén para facilitar a atención ás mulleres vítimas de malos tratos.

Maite Ferreiro comprometeuse a plantear esta vella demanda ante o novo goberno do Estado que resulte das eleccións xerais do 28 de abril,   e afirmou que “a provincia de Lugo e A Mariña veñen  sufrindo durante varios anos un abandono total por parte dos gobernos do Estado en materia de administración de xustiza, o que é especialmente grave no tema das denuncias de mulleres por malos tratos, polo tanto é moi urxente e necesario dar solución a este problema”

No mesmo sentido pronunciouse Miriam Bermúdez, que tamén asegurou que “o terceiro Xulgado de Primeira Instancia e Instrución é imprescindible para Viveiro, e a traballar para a súa consecución é e será un dos obxectivos no noso traballo municipal”

Debaterase tamén no pleno da Deputación o vindeiro martes

Esta demanda vai ser debatida tamén no pleno que a Deputación de Lugo que se celebrará o próximo martes 30 de abril, que segundo afirmou o deputado provincial mariñao Antonio Veiga, vai ser traslada alí en forma de moción, agardando que todos os grupos políticos mostren o seu apoio á mesma.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG