BNG demanda unha política de mobilidade para A Coruña e a súa comarca que favoreza á súa veciñanza e o ecosistema

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Queixas denuncia “a política de titulares e escaparate” da Consellería de Infraestruturas “que non cumpre coa Coruña nin a súa área metropolitana” e lle esixe “rectificacións” para descartar o proxecto de pasarela na Ría do Burgo

O BNG esixiu na Cámara políticas reais e eficaces para mellorar a comunicación entre A Coruña e a súa comarca. Estas accións pasan por trocar a pasarela da Ría do Burgo, sen autorización de ADIF nin do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e apostar, no seu lugar, por unha mellora da Ponte Pasaxe.

“Esta pasarela tan anunciada nos medios ignora á cidadanía e os gobernos municipais afectados, non ten en conta ao tecido social, aos colectivos medioambientais... non é un proxecto á altura do que merece a comarca”, denunciou a deputada por A Coruña, Mercedes Queixas. Esixiu á consellería de Ethel Vázquez “baixar da súa política de efectismo ineficaz e traballar de verdade na realidade que precisa a xente, as empresas e as asociacións da comarca da Coruña”.

Neste sentido, Queixas recriminou a “política de titulares e de escaparate” do Goberno do PP para coa cidade herculina, co anuncio dunha pasarela en abril e que se continuou a promocionar nos medios de comunicación “sen ningunha actuación concreta”. Un proxecto “de discurso unilateral, sen apoio dos demais organismos públicos, unha política de ocorrencia e improvisación que Coruña non merece”.

A parlamentaria nacionalista defendeu a alternativa do BNG para a comarca, que pasa “por investir os cartos nas necesidades reais da xente” coa mellora das comunicacións na Ponte Pasaxe. Fixo tamén alusión ás necesidades da veciñanza do Couto, no concello de Oleiros, “onde levan máis dun ano reclamando medidas para garantir a seguridade viaria e á que son incapaces de ofrecer solucións de futuro”. De feito, Queixas recoñeceu que o Goberno do PP “só acerta cando rectifica e escoita as propostas do BNG”.

Concluíu remarcando a necesidade “dunha política responsábel, que cumpra con Coruña e a súa área metropolitana, baseada no diálogo e no compromiso por unha mobilidade sostíbel”, ideas e alternativa que se atoparon coa negativa e as evasivas do Executivo do PP, incapaz de aclarar o comezo das supostas obras da pasarela e pechado a unha alternativa de consenso para a mobilidade na Ría do Burgo.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG