BNG demanda impulsar co Goberno galego o PERTE no sector naval na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego reclama dar participación á Xunta de Galiza no Consello de Administración de Navantia para dar cumprimento ao Estatuto e fomentar o sector naval

Propón permitir a construción naval civil nos estaleiros da Ría de Ferrol frente ao desmantelamento executado polos diversos gobernos do Estado español

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas para o seu debate no pleno da cámara baixa co obxectivo de impulsar a construción naval pública na Galiza e garantir o futuro do sector. A organización nacionalista demanda a participación da Xunta de Galiza no PERTE para o naval, a entrada da Administración galega no Consello de Navantia e constituír unha mesa de negociación entre o executivo estatal e galego, os tres sindicatos máis representativos do sector e a dirección de Navantia para abrir un proceso de renovación e recuperación da actividade nos estaleiros da Ría de Ferrol e permitir a construción naval civil.

A aprobación do PERTE do sector naval por parte do Goberno do Estado prevé un investimento público de 310 millóns de euros e 1.460 do sector privado. Neste, participarán empresas como Navantia, Pymar ou Siemens, así como a creación dun grupo de traballo interministerial sen contar coa Administración galega, que posúe as competencias en materia industrial. Neste sentido, a organización nacionalista, recrimina o discurso empregado polo executivo estatal falando sobre a “cogobernanza” eficiente mais non cumprindo co Estatuto de Autonomía da Galiza.

“É especialmente grave que o Goberno do Estado non conte coa Xunta de Galiza para desenvolver o PERTE do naval polo importante peso que ten a construción naval na economía galega” explica o deputado do BNG. Por este motivo, Néstor Rego reclama impulsar e propiciar a participación do Goberno Galego en pé de igualdade no desenvolvemento do PERTE para o sector naval.

Da mesma maneira, a frente nacionalista reclama dar entrada á Xunta de Galiza no Consello de Administración de Navantia conforme ao establecido no artigo 55 do Estatuto de Autonomía de Galiza. “Os centros de traballo de Navantia Ría de Ferrol chegaron a ocupar a 15.000 traballadores e traballadoras mais, na actualidade, non chegan aos 3.000” lembra Rego destacando a enorme potencialidade do sector. Mais, a política coñecida como de reconversión “aplicada polos diferentes gobernos do Estado, escondendo detrás desa denominación o que resultou ser unha política exclusivamente dirixida a reducir as capacidades do sector. A implicación do goberno galego na dirección de Navantia permitiría impulsar novas políticas de apoio aos estaleiros galegos e a lograr carga de traballo”.

“Propoñemos ademais que sexa constituída unha mesa de negociación entre o propio Goberno do Estado, a Xunta de Galiza, os tres sindicatos máis representativos do sector na Galiza e a dirección de Navantia para abrir un proceso de renovación de infraestruturas ligado a un proceso de recuperación de actividades nos estaleiros da Ría de Ferrol, permitindo especificamente a construción naval civil” destaca o deputado do BNG.

Para Rego, estes pasos a seguir serían “un punto de inflexión a favor da promoción dun sector naval sen restricións e coas infraestruturas e os medios adecuados” para competir en todos os segmentos de actividade que ofrece o sector naval e das tecnoloxías marítimas. E neste sentido, non aproveitar as posibilidades que ofrecen as políticas de recuperación económica sería unha total irresponsabilidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG