BNG demanda a implicación do Estado para asegurar a continuidade da Casa de Galiza en Montevideo

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego urxe ao Goberno para que garanta a protección sociosanitaria dos emigrantes galegos

Require garantir protección da integridade do patrimonio cultural, artístico e histórico da Casa de Galiza

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado se poña en contacto coas autoridades competentes de Uruguai e que, en coordinación coa Xunta de Galiza, adopte as medidas necesarias para garantir a protección sanitaria dos socios da Casa de Galiza en Montevideo. Así mesmo, reclama asegurar a integridade do seu patrimonio cultural, artístico e histórico, para que permanezan no ámbito galeguidade no propio país, axudando aos socios á súa adquisición ou realizando directamente a administración, de non ser posíbel outra solución.

“O legado dos emigrantes galegos no exterior é moi importante e representa unha parte fundamental do patrimonio cultural e inmaterial de Galiza” explica o deputado do BNG. A Casa de Galiza en Montevideo foi fundada en 1917 grazas ao esforzo de moitos emigrantes nesa cidade. Ese mesmo edificio foi sede do  Consello de Galiza e tamén albergou ao  Goberno  galego no exilio tras o alzamento militar e durante os anos da Ditadura franquista.

A situación do Centro na actualidade é moi preocupante e require “unha actuación urxente por parte das distintas administracións con competencias nesta materia, isto é, da Xunta de Galiza, pero tamén do Goberno do Estado, para lograr unha mediación que permita salvagardar o patrimonio cultural do Centro”. Entre a ampla variedade de obras artísticas, onde destaca a escultura “A  Santiña” de Asorey, unha biblioteca con exemplares de especial interese, así como distintas pezas cerámicas, mobiliarias e artísticas, recibidas ou compradas co esforzo das galegos e galegas na emigración.

Neste sentido, a organización nacionalista demanda ao executivo estatal que solicite ás autoridades competentes de Uruguai a que adopten todas as medidas necesarias para garantir a protección sanitaria dos socios da Casa de Galiza, así como todas aquelas que, axustadas a dereito, garantan a protección e a integridade do seu patrimonio cultural, artístico e histórico, para que permanezan no ámbito galeguidade no propio país, axudando aos socios á súa adquisición ou realizando directamente a administración, de non ser posíbel outra solución. “Queremos que se continúe coas medidas que correspondan, dentro das súas competencias, para asegurar a protección socio-sanitaria dos emigrantes galegos” asevera Rego.

O 31 de marzo estaba fixada como data final de pago, podendo proceder posteriormente á cobranza das débedas os acredores da Casa da Galiza, para o que poderán proceder á venda do patrimonio mobiliario e inmobiliario, “o que suporá unha gran perda para toda a colectividade galega en Uruguai”. O procedemento xudicial decreta o peche da Casa de Galiza no mes de decembro, exponse un panorama actual moi preocupante, pois supoñerá a desaparición dunha entidade histórica da cidade e o peche total das súas actividades.

Ao estado actual chegouse, entro outros factores, pola acumulación de débedas e por unha mala xestión. Ademais, é necesario lembrar que o Presidente saínte da Casa de Galiza, recoñeceu nunha entrevista que “foi instado polo Goberno galego a presidir a entidade”. Mais a propia Xunta de Galiza negouse a axudar nesta difícil situación, a pesar de realizar peticións expresas neste sentido, mentres, en Galiza, a Xunta seguía alegando estar a realizar mediacións diplomáticas para solucionar o problema.

“A desaparición desta histórica sociedade supoñerá o desmantelamento do seu patrimonio, a desatención da situación sociosanitaria das socias e socios galegos co cesamento ambulatorio e o traslado e derivación de pacientes a outras entidades integradas no Sistema Nacional de Saúde de Uruguai” enfatiza Rego. Así mesmo, a redistribución das persoas traballadoras do centro deberá garantir e respectar a súa antigüidade e salario. Mais sobre todo, “é moi importante que se de a adecuada cobertura e unha asistencia de calidade ás persoas usuarias, moitas delas maiores, sobre todo a grave situación dos cen socios e socias de avanzada idade en situación de pobreza que non estaban a pagar cota, pero cuxa atención era cuberta pola Xunta de Galiza”.

Cabe lembrar que a voceira do BNG en Europa, Ana Miranda, visitou a mediados de marzo estas instalacións situadas na Avenida 18 de xullo e no Hospital, reuníndose con socias e socios, traballadores da entidade,  antigos membros da Comisión de Cultura e o propio Ministro de saúde Pública da República Oriental do Uruguai, para coñecer a situación de forma directa. Alén do mais, a organización xa formulou distintas iniciativas no Parlamento de Galiza ante a grave situación do Centro, conseguindo un acordo unánime para reiterar a mediación ante as autoridades competentes do Uruguai para que se tomen todas as medidas necesarias para garantir a protección sanitaria dos socios de Casa de Galicia, así como todas aquelas que, axustadas a dereito, garantan a protección e a integridade do patrimonio cultural, artístico e histórico de Casa de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG