parlamento galego

BNG demanda cubrir as ausencias do persoal sanitario nos centros de saúde do Barbanza

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez asegurou que a comarca soporta unha grande precariedade laboral provocando que  miles de persoas continúen  sen médico ou médica asignado e con  longas listas de espera para seren atendidos

A deputada do BNG, Rosana Pérez defendeu no Parlamento galego “dotar de persoal sanitario os centros de saúde do Barbanza”, unha comarca de grande precariedade laboral á que “ningún profesional quere ir e foxe cando pode”, afirmou.

A parlamentaria explicou que “miles de persoas  non teñen médico de familia asignado,  carecen de pediatra e soportan longas esperas para ser atendidas”. Por outra parte, os centros que acollen máis poboación, como Boiro ou Ribeira, son claros exemplos do “mal trato permanente a profesionais e persoas usuarias”.

Rosana Pérez criticou que o Partido popular aproveitara a pandemia para pechar  os consultorios de Taragoña e Cabo de Cruz  e os  pacientes concéntranse agora nos centros de saúde das súas localidades que, á súa vez, “están sobrecargados”.

Na pregunta parlamentaria ao goberno, tamén se referiu aos  centro periféricos de Palmeira e Corrubedo, “sen médico a tempo completo e co persoal que debe desprazarse  dende o centro de saúde de Ribeira ou doutros centros, provocando  que, tanto uns como os  outros estean  mal atendidos”.

A deputada denunciou  que “o  cadro de persoal nunca está completo en ningún dos centros de saúde da comarca”, non se cobren as ausencias e os profesionais alongan a súa xornada e atenden sistematicamente a un número de pacientes que dobra o que lle corresponde.

“A falta de pediatras é clamorosa” e a consecuencia é a “peregrinación” dos nenos, nenas, nais e pais  por toda a comarca e incluso fóra dela. En opinión da deputada, todas estas  circunstancias repercuten no servizo de urxencias do hospital do Barbanza, a onde acoden moitas das persoas que non atopan atención acaída no seu centro de saúde.

A parlamentaria preguntou ao conselleiro de Sanidade como vai resolver a falta de médicos e pediatras que soportan os centros de saúde do Barbanza.

Tras a resposta do conselleiro, Julio García Comesaña que asegurou estar tomando decisións para cubrir as prazas que na actualidade producen demoras na atención sanitaria, a   deputada do BNG, acusou ao titular de sanidade de  “botar balóns fóra” e non asumir as súa responsabilidade a pesar de ter competencias exclusivas. Vostede, dixo, Rosan Pérez “continúa repetindo falsas promesas” e o slogan de contar con máis prazas MIR está desautorizado por segundo ano consecutivo. O problema, explicou a deputada, non é a falta de prazas para formar médicos e médicas, o problema, recalcou, é que os médicos non queren formarse en Galiza porque as condicións laborais son “insoportables”.

Por outra banda, criticou que agora  sanidade  anuncie  médicos para Ribeira a través dun concurso que, como cedo, non terá lugar antes do outono. Dous médicos en Ribeira!!! E como van facer para cubrir o resto dos que faltan só nesa localidade? preguntou novamente a nacionalista.

“O Barbanza é para vostede un número máis dentro dun bombo de lotería que, se hai sorte, terá unha pedrea nese concurso. Pero vostede é conselleiro de Sanidade do Goberno galego, non un neno de San Ildefonso”. Deixe  de elucubrar e culpabilizar a todo o mundo de algo que é da súa exclusiva competencia e responda con claridade á cidadanía: Como, e sobre todo, cando vai cubrir as prazas vacantes de persoal sanitario na nosa comarca?  repreguntou a deputada do BNG sen obter  ningún tipo de  compromiso por parte do conselleiro de Sanidade

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG