A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Senado sobre a tramitación do megaproxecto eólico Greco, de 109,2 MW, e a súa infraestrutura de evacuación. A organización nacionalista demanda ao Goberno emitir unha Declaración de Impacto Ambiental desfavorábel e rexeitar o proxecto na súa totalidade, así como poñer fin a un modelo de explotación desproporcionada dos recursos naturais da Galiza e impulse unha planificación racional coordinada coa Xunta de Galiza.
As novas iniciativas chegan despois de que a senadora nacionalista formulase unha pregunta oral na sesión de control á Vicepresidenta Terceira e Ministra para a Transición Ecolóxica, quen —segundo recorda da Silva— “non achegou ningún tipo de información nin mostrou a máis mínima sensibilidade ante o impacto brutal deste proxecto no territorio”.
Un proxecto con impacto masivo
O proxecto eólico Greco, de 109,2MW, está a ser promovido por MOWE ENERGÍA (Grupo Villar Mir) e supón a instalación de 21 aeroxeradores de 177 metros de altura e unha extensa rede de liñas de alta tensión, subestacións e pistas asociadas, divididas en dous subparques (Greco Norte e Greco Centro). A súa execución afectaría tamén a Cerdedo-Cotobade, A Lama, Fornelos de Montes, Covelo, Avión e Beariz, así como á contorna da Serra do Suído e Serra do Cando.
O BNG lembra que se trata dun “megaproyecto industrial depredador que se suma a unha morea doutros parques en tramitación” na mesma área e que se localiza nun territorio xa saturado, onde existen 17 parques eólicos en funcionamento nun radio de 25 km con 421 aeroxeradores.
Da Silva denuncia particularmente a tentativa do Goberno galego de modificar a normativa de protección da paisaxe para favorecer estes proxectos, unha manobra que cualifica como “traxe feito á medida das eléctricas”.
“Estamos diante dun proxecto innecesario, destrutivo e incompatíbel coa protección dos recursos hídricos, do patrimonio cultural e dos valores ambientais dunha das zonas máis sensíbeis do país. Nin a Xunta nin o Estado poden mirar para outro lado” engade a senadora do BNG.
As demandas que o BNG dirixe ao Goberno do Estado
A través das iniciativas rexistradas, o BNG exixe oficialmente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que emita unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorábel e denegue a Autorización Administrativa previa ao proxecto e á súa infraestrutura de evacuación polo seu impacto extremo no territorio.
“Debe rexeitar o proxecto na súa totalidade, polo seu carácter innecesario, altamente destrutivo e polo grave prexuízo socioeconómico que suporía para a poboación afectada” indica a senadora nacionalista, engadindo a necesidade de que se recoñeza e avalíe o efecto acumulativo e sinérxico coa presenza doutros 17 parques eólicos na contorna, que xa superan a capacidade de acollida do territorio.
En opinión de Carme da Silva, Goberno do Estado e Xunta de Galiza “deben abandonar o modelo depredador” e impulsar unha planificación racional e coordinada que poña orde no caos actual e deixe de responder unicamente ás necesidades das empresas promotoras.
Poña fin ao modelo de explotación desproporcionada dos recursos naturais de Galiza, que produce moita máis electricidade da que consume mentres paga unha das tarifas máis altas do Estado. “A Galiza é excedentaria en produción eléctrica e, con todo, continúa a ser tratada como unha despensa enerxética para Madrid. Isto é inxusto, insustentábel e contrario aos intereses do noso país” conclúe da Silva.