parlamento galego

BNG demanda ao Goberno do PP que retire o protocolo polo que as nenas e nenos da área sanitaria de Vigo poidan ser atendidos por teléfono en lugar de por persoal pediátrico presencial

 Montse Prado
Montse Prado

O BNG esixiu ao Executivo do PP a retirada do protocolo sanitario aprobado en abril para a área sanitaria de Vigo polo que se traslada a atención ás nenas e nenos á modalidade telefónica no caso de falta de persoal pediátrico, “un feito que suporá, na práctica, a saturación tanto dos Puntos de Atención Continuada como dos servizos de urxencias hospitalarias, co seu correspondente da presión asistencial”, criticou Montserrat Prado, portavoz de Sanidade.

“O protocolo imposto compromete a necesaria exploración e valoración médica e insírese nunha cada vez menos disimulada aposta da Xunta do Partido Popular pola telemedicina como vía para seguir avanzando no recorte da Atención Primaria”, denunciou Prado, referíndose ás queixas de usuarios e persoal facultativo, e engadiu a súa reprobación o feito de que haxa centros de saúde “onde está normalizado que non exista profesional de pediatría”, con casos nos que as nenas e nenos son derivados a outros centros de saúde ou coa única alternativa de acudir ás Urxencias de PACs ou hospitais.

Prado inseriu esta acción dentro “da política continuada de recortes do PP na sanidade pública, o que levan facendo nos últimos catorce anos”, xunto coa súa particular aposta pola tele-medicina, e remarcou, neste sentido, a falta de pediatras en ata 200 consultorios en toda Galiza, “hai comarcas enteiras, sen atención pediátrica; centos de nenas e nenos sen pediatra asignado, sendo atendidos no mellor dos casos por profesionais de Familia e Comunitaria, en algúns casos cun curso de puericultura”, criticou sobre unha situación “que non vai facer máis que empeorar pola elevadísima cifra de xubilacións que se van a producir nos vindeiros anos, toda vez que na actualidade son 80 as e os pediatras de Atención Primaria en Galiza que superan os 63 anos”, informou.

“O PP non planificou nin a curto, nin medio nin longo prazo, a pesares das moitas veces que lle advertimos do que ía acontecer se non tomaban medidas”, declarou a portavoz de Sanidade sobre as medidas propostas polo BNG fronte o altísimo número de xubilacións que se ían producir “e a resposta foi sempre caso omiso”, reprobou aos Populares, fronte aos que defendeu “o dereito de todas as crianzas a seren atendidas en condicións de calidade, con persoal especializado”.

É por iso que o Bloque levou á Cámara o emprazamento á Consellería de Sanidade retirar de inmediato citado protocolo ditado pola dirección de Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo “e a adoptar de maneira urxente as medidas que foren precisas, dialogadas e consensuadas co persoal sanitario e as organizacións sindicais, para garantir a atención pediátrica presencial en todos os centros de saúde”, enfatizou Prado.

Ademais, demandou do Sergas tomar todas as medidas para garantir que todas as nenas e nenos galegos en idade pediátrica “teñan asistencia en Atención Primaria por un profesional especialista en pediatría, independentemente de onde residan”.

Poñendo o foco na “falta de pediatras e a desigualdade dramática” á que alude o Goberno do PP, Prado contrapuxo “a propaganda coas cifras”, expoñendo que, sumado aos 201 concellos sen ningún pediatra, dos 102 que teñen praza, “o 4.6% están vacantes con carácter estrutural, non están cubertas xubilacións nin baixas e o o 13% das que constan como pediatría son atendidas por médicos de familia e non especialistas en pediatría”.

É por iso que a deputada do Bloque concluíu esixindo da Consellería de Sanidade un informe no que conste o número de pediatras traballando en Atención Primaria, a súa distribución por centros e o número de pacientes por sanitario; o número de centros de saúde, e concello no que se sitúan, que non contan con atención pediátrica e número de crianzas que non teñen asignado pediatra, desagregado por concellos, xunto coa previsión de xubilacións de profesionais de pediatría en Atención Primaria nos vindeiros cinco anos, compromisos rexeitados polo Partido Popular, que votou en contra.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG