O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno español actúe ante as alteracións nas correntes mariñas e na dinámica sedimentaria que están a afectar gravemente as praias do entorno do Porto Exterior de Punta Langosteira. O deputado do BNG no Congreso demanda á Autoridade Portuaria actuacións nas praias de Arteixo a medio e longo prazo para reverter as alteracións nas correntes.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advirte de que “as modificacións introducidas no litoral pola infraestrutura portuaria están a ter un impacto ambiental evidente en múltiples areais da zona”, facendo referencia directa ás praias de Barrañán, Repibelo, A Hucha, O Reiro e Sabón, situadas no concello de Arteixo.
Rego sinala que “a acumulación de area en Sabón frente á perda progresiva nos outros areais evidencia un desequilibrio no transporte de sedimentos provocado pola barreira física do dique do Porto Exterior”. A este respecto, o deputado nacionalista denuncia que “a resposta das administracións non pode limitarse a operacións puntuais de recheo para a temporada estival”, como a recentemente anunciada para a praia de Barrañán cun orzamento de 148.000 euros.
Segundo expón o BNG na súa iniciativa, a situación nos distintos areais é preocupante: “na praia de Repibelo, a retirada de area está a deixar ao descuberto cantos rodados de gran tamaño; en Barrañán, a perda de area levou á Autoridade Portuaria a planificar un recheo; mentres que nas praias da Hucha e do Reiro apenas queda area e non se contemplan actuacións, o que levou ao Concello de Arteixo a renunciar á solicitude da bandeira azul”. Pola contra, na praia de Sabón estase a rexistrar unha acumulación excesiva de sedimentos.
“Queremos saber en que consiste exactamente o estudo sobre as dinámicas das mareas e os cambios sedimentarios anunciados pola Autoridade Portuaria e que empresa ou organismo o está a desenvolver e desde cando” sinala o deputado do BNG no Congreso. Ademais, Rego demanda coñecer as medidas a medio e longo prazo que se contemplan para corrixir a alteración do transporte de sedimentos, especialmente se se confirma que a area se despraza cara a Sabón e, do mesmo xeito, se limitaran as actuacións a recheos anuais ou se están a estudar solucións estruturais máis ambiciosas.
“Non estamos ante unha cuestión estética ou exclusivamente turística. Falamos dun impacto directo sobre o equilibrio ecolóxico e a morfoloxía do litoral que require respostas serias, rigorosas e coordinadas entre todas as administracións implicadas” defende Rego, quen insta o executivo a actuar con responsabilidade e transparencia, e a non limitarse a medidas curtopracistas.