BNG defenderá partidas nos Orzamentos de 2023 para finalizar xa a autovía Santiago - Lugo

A-54 en obras
A-54 en obras

Despois de coñecerse que o Goberno deixa 50 millóns pendentes para os orzamentos de 2024, a frente nacionalista reclamará que se incremente nesa contía o investimento previsto para 2023 e poder finalizar a autovía A-54, que leva máis de vinte anos en construción.

Rego apunta a necesidade de rematar co “déficit histórico” que sofre a Galiza en materia de infraestruturas de comunicación

O Bloque Nacionalista Galego presentará emendas ao Proxecto de Orzamentos para 2023 co obxectivo conseguir que as obras da autovía A-54 que conecta Lugo e Santiago de Compostela finalicen no próximo ano. O proxecto que presentou o Goberno deixa un total de 50 millóns de euros para as contas de 2024 polo que, con posíbeis demoras na execución, esta vía non estaría finalizada até 2025. O BNG aposta por acumular a totalidade do investimento restante neste ano e lograr o compromiso do Goberno de dar un impulso a esta actuación que faga que poda estar finalizada no próximo ano. O deputado nacionalista lembra que esta autovía leva máis de 20 anos en construción.

Durante a primeira valoración realizada polo BNG sobre o Proxecto de Orzamentos do Estado para 2023, o deputado nacionalista destacaba que o investimento na Galiza fica estancado. “Estes investimentos non atenden as necesidades perentorias do presente nin compensan aquelas que fomos arrastrando do pasado” subliñaba Néstor Rego que recentemente visitaba as obras en Palas de Rei acompañado de cargos institucionais e orgánicos do BNG da zona. Así mesmo, destacou o déficit histórico da Galiza en materia de infraestruturas de comunicación por culpa dos sucesivos gobernos do Estado e comprometeuse a presentar emendas a este Proxecto de Orzamentos “para que o Goberno do Estado cumpra coa Galiza”.

No Proxecto de Orzamentos do Estado que foi presentado a semana pasada, o Goberno prevé partidas nos tramos Arzúa – Melide e Melide – Palas de Rei por un total de 54 millóns máis deixa  50 millóns para a proxección para 2024, polo que, prevendo posíbeis demoras na execución, esta vía non estaría finalizada até 2025. Por este motivo, o BNG presentará emendas para acumular a totalidade do investimento restante neste ano e lograr o compromiso do Goberno de dar un impulso a esta actuación que faga que poda estar finalizada no próximo ano.

“Temos un dobre problema porque o Goberno do Estado non orzamento o suficiente no 2023 como para finalizar obras como a A-54 e, ademais, o que orza ano a ano non o executa” afirma. Néstor Rego lembrou que van xa máis de 20 anos desde que fora inaugurado o primeiro tramo entre Santiago e Lavacolla. Neste sentido, Rego anuncia que presentarán emendas para dotar do investimento necesario esta obra para que remate no vindeiro, e que todos os galegos e galegas poida gozar dunha infraestrutura tan necesaria e importante para a mobilidade e, sobre todo, para o desenvolvemento socioeconómico do noso País. Tratase dunha vía de comunicación de especial relevancia para a conexión por estrada das comarcas de Lugo que, ademais da demora nas autovías, arrastran tamén un importante déficit en infraestruturas ferroviarias.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG