BNG defenderá a creación dunha base de loita contra a contaminación mariña na Costa da Morte nos Orzamentos do Estado

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego, no vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige: “entendemos que coa visita e as declaracións da Ministra de Política Territorial a Camariñas o Goberno apoiará esta emenda”

A frente nacionalista propón partidas específicas para a rexeneración da Ría de Corcubión, o aumento de prazas no ISM da comarca e a dotación dun helicóptero na base de Salvamento Marítimo

O Bloque Nacionalista Galego presenta as emendas rexistradas ao proxecto de Orzamentos do Estado para 2023 na comarca da Costa da Morte. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, destaca o estudo para a conexión ferroviaria na comarca, a construción da base para a loita contra a contaminación mariña e partidas específicas para o dragado das rías. Alén do máis, a frente nacionalista demanda aumentar as prazas e cubrir as vacantes no Instituto Social da Mariña (ISM) e dotar dun helicóptero o posto de Salvamento Marítimo en Cee.

Entre as emendas presentadas pola organización nacionalista destaca o estudo para a conexión ferroviaria na Costa da Morte. “Queremos que se realice un estudo de viabilidade para a implantación do ferrocarril de proximidades nas comarcas de Bergantiños e na Costa da Morte, así como a súa variante a Compostela de cara á mellora das condicións de vida, mobilidade e servizos que se prestan nestas comarcas” explica o responsábel comarcal do BNG e candidato á alcaldía de Camariñas, Xurxo Rodríguez Baña.

O deputado nacionalista tamén fixo especial mención da emenda presentada para a rexeneración da ría de Corcubión. “O BNG recolle a demanda de que se leve a cabo unha limpeza dos fondos mariños para conseguir unha mellora ambiental e a recuperación dos bancos marisqueiros” subliña Néstor Rego. Neste sentido, a frente nacionalista entende que a produción de marisco podería aumentar de maneira exponencial de levarse a cabo esta limpeza, o que permitiría un incremento no número de postos de traballo nesta comarca. 

“Presentamos unha partida por valor de 1 millón de euros para a construción dunha base de loita contra a contaminación mariña” apunta o deputado do BNG no Congreso. Segundo destaca a frente nacionalista, é necesario acometer a construción e dotación no porto de Brens, na Ría de Corcubión, dunha base estratéxica para loitar contra a contaminación mariña frente ao corredor marítimo de Fisterra. “Entendemos que, tras a visita de onte da Ministra de Política Territorial a Camariñas, o Goberno comparte a preocupación de loitar contra a contaminación mariña e votarán a favor desta emenda. É hora dos feitos, non das palabras” sentencia Rego após cumprirse 20 anos da catástrofe do Prestige. O deputado tamén quixo subliñar a emenda pola que se propón a dotación dun helicóptero para a base permanente en Cee de Salvamento Marítimo, pois “é preciso pór en funcionamento as instalacións do heliporto de Ruibo-Cee”.

Así mesmo, a frente nacionalista reclama aumentar as prazas e cubrir as vacantes do Instituto Social da Mariña da Costa da Morte. “Deben ser recuperados os servizos perdidos, e asegurar o seu mantemento, como por exemplo o de recoñecemento médico, tan necesarios para os traballadores e traballadoras do mar” afirma Rego.

Por último, a organización nacionalista demanda unha partida para acometer a unión dos paseos marítimos entre Cee e Corcubión. “É un breve tramo que podería conectarse cunha pequena obra para a súa unión. Faise imprescindíbel para unha idónea seguranza viaria dos peóns e mellora a ordenación na franxa de dominio público marítimo” explican os portavoces municipais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG