BNG defenderá no Congreso transferir á Galiza as competencias universitarias pendentes e destinar 1,5% do PIB ás públicas

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego Candamil reclama a transferencia á Galiza da xestión das bolsas e da homologación de títulos estranxeiros, así como a transferencia da UNED, a UIMP e os centros do CSIC

Propón aumentar até 1,5% do PIB o financiamento das universidades públicas e garantir máis recursos e igualdade de oportunidades para a investigación galega

A iniciativa do BNG será debatida o vindeiro 20 de maio, cuarta feira, na Comisión de Ciencia e Universidades da cámara baixa

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá a vindeira cuarta feira, 20 de maio, na Comisión de Ciencia e Universidades do Congreso, unha iniciativa que reclama ao Goberno do Estado a transferencia á Galiza das competencias pendentes en materia universitaria e científica, así como un incremento progresivo do financiamento das universidades públicas até 1,5% do PIB.

A iniciativa, que será defendida polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, aposta por avanzar cara un modelo universitario plenamente adaptado ás necesidades da Galiza, con máis capacidade de decisión, máis recursos e unha maior igualdade territorial e lingüística.

“O autogoberno debe permitir que a Galiza poida xestionar plenamente a súa política universitaria e científica. Non ten sentido que continúen centralizadas competencias fundamentais que outras nacións e comunidades xa exercen con normalidade” sinala Rego.

O deputado nacionalista lembra que a transferencia da xestión das bolsas de estudo foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego xa no ano 2019 e denuncia que o Estado continúa sen cumprir ese acordo. “A xestión directa das bolsas permitiría unha administración máis próxima, máis áxil e adaptada á realidade social e educativa galega” afirma.

A iniciativa do BNG reclama tamén a transferencia das competencias en materia de homologación e declaración de equivalencia de títulos estranxeiros, co obxectivo de reducir os actuais atrasos burocráticos e facilitar a incorporación laboral e académica de persoas migrantes, retornadas e profesionais da investigación.

Do mesmo xeito, Néstor Rego defenderá a transferencia das competencias, infraestruturas e recursos da UNED, da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) e das entidades dependentes do CSIC na Galiza, para avanzar nun modelo descentralizado e adaptado ao territorio.

Blindar as universidades públicas con maior financiamento

A iniciativa nacionalista incorpora tamén medidas para reforzar o financiamento público das universidades, reclamando un incremento progresivo do investimento até alcanzar, como mínimo, 1,5 % do PIB. Para o BNG, a infrafinanciación dos últimos anos “está favorecendo unha privatización encuberta do ensino superior” e pon en risco a igualdade de acceso e a calidade do sistema universitario público.

Ademais, o texto propón estabelecer liñas específicas de financiamento para proxectos de investigación desenvoltos en linguas oficiais diferentes do español, entre elas o galego, co obxectivo de combater a discriminación que sofren actualmente moitas investigacións elaboradas nas linguas propias.

Por último, o BNG reclama mecanismos que garantan unha participación efectiva e equitativa dos proxectos de investigación das universidades galegas nos programas estatais de I+D+i, asegurando igualdade de oportunidades e unha distribución xusta dos recursos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG