BNG defenderá no Congreso unha Proposición de Lei para reducir a xornada laboral a 35 horas semanais

Rolda de prensa BNG-CIG
Rolda de prensa BNG-CIG

Co impulso da CIG, o deputado do BNG leva a debate e votación no próximo 14 de outubro unha Proposición de Lei “ambiciosa e valente” que suporía un “avance social innegábel”

Néstor Rego (BNG): “A xornada de 35 horas xa é unha realidade en moitos sectores e países. Aplicala con carácter xeral, sen perda salarial, significa  mellorar as condicións de vida da clase traballadora ao tempo que permitiría crear máis empregos sen redución de produtividade”

Paulo Carril (CIG): “É unha medida de xustiza social que responde a unha demanda histórica do sindicalismo de clase e de País que busca avanzar para unha sociedade máis igualitaria e xusta”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) e a Confederación Intersindical Galega (CIG) anuncian nunha comparecencia conxunta que o debate para a toma en consideración da Proposición de Lei para reducir a xornada laboral a 35 horas semanas será o vindeiro 14 de outubro no pleno do Congreso. O deputado do BNG, Néstor Rego, e o Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, sinalan que a proposta das 35 horas -no camiño de avanzar para a xornada de 32 horas e 4 días á semana- consiste nunha iniciativa máis ambiciosa e valente que a realizada polo Goberno español e suporía un “avance social innegábel” para o conxunto da clase traballadora.

A iniciativa, que se inscribe nunha loita histórica polos dereitos laborais, procura avanzar cara a “unha mellor distribución do traballo, garantir a conciliación da vida laboral e persoal e mellorar a produtividade sen recorte salarial para as traballadoras e traballadores”.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, subliña que esta cita do 14 de outubro “é unha oportunidade histórica para situar no centro do debate político a mellora real das condicións de vida da clase traballadora”. Engade que “a redución da xornada non é só unha demanda sindical e social, senón unha medida de sentido común nun contexto en que os avances tecnolóxicos e a produtividade permiten producir máis en menos tempo”.

Rego tamén incide en que “o actual modelo de xornadas longas e intensivas é insustentábel: prexudica a saúde, limita a conciliación e provoca desigualdades de xénero, xa que son maioritariamente as mulleres quen renuncian a oportunidades laborais ou profesionais por ter que asumir tarefas de coidados”.

Pola súa parte, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, destaca que “o 14 de outubro será un día chave para comprobar quen apoia realmente as traballadoras e quen continúa defendendo os intereses da patronal”. Carril recorda que a redución da xornada laboral “ademais de mellorar a calidade de vida, é unha ferramenta fundamental para repartir o emprego e combater o desemprego estrutural, especialmente entre a mocidade que na Galiza está a sufrir a emigración por falta de oportunidades laborais”.

Ademais, advirte de que a patronal leva anos utilizando a distribución irregular da xornada e os contratos a tempo parcial como instrumentos de precarización: “Con esta lei pretendemos pór freo a estes abusos e garantir estabilidade e dereitos” evidencia.

Os contidos da Proposición de Lei a debate

A proposta presentada polo BNG, que recolle as demandas da CIG, contempla, entre outras medidas, a fixación legal da xornada laboral en 35 horas semanais -no camiño de avanzar cara a xornada de catro días, 32 horas á semana- e o estabelecemento de límites efectivos ás horas extraordinarias e mellorar o rexistro de xornada.

Do mesmo xeito, estabelece garantir por lei mínimos de 20 horas en horario continuado para a contratación parcial e limitar a 15% do cadro de persoal o uso de contratos a tempo parcial. “Revalorizar os salarios asociados a esta modalidade de contratación e derrogar a normativa que permite á patronal impoñer unilateralmente unha distribución irregular de 10% da xornada” recolle a iniciativa lexislativa.

O “patronalismo” cúrase viaxando

Tanto o BNG como a CIG recordan que as experiencias internacionais amosan que a redución da xornada non supón unha caída da produtividade, senón todo o contrario: “Alemaña, Francia ou Islandia xa demostraron que é posíbel producir máis e mellor con menos horas de traballo, mellorando ao mesmo tempo a saúde laboral e a motivación” subliñan ambas formacións nacionalistas.

Finalmente, Rego e Carril fixeron un chamamento ao resto das forzas políticas: “Non hai desculpas para non apoiar esta medida. É unha cuestión de xustiza social, de igualdade e de progreso. O 14 de outubro todos os deputados e deputadas terán a oportunidade de demostrar de que lado están: coas traballadoras ou coa patronal”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG