BNG defenderá no Congreso indemnizacións para as vítimas do amianto

Encontro AGAVIDA
Encontro AGAVIDA
Néstor Rego avanza que presentará emendas para garantir que se recoñeza con cargo ao Fondo de Compensación a concesión dos recargos nas prestacións, a obxectivización das condicións no acceso e a presenza de representantes das e dos afectados na comisión de seguimento.

BNG mantivo hoxe en Ferrol unha xuntanza coa Asociación Galega de Vítimas do Amianto (AGAVIDA) para falar da Proposición de Lei que será sometida mañá a toma en consideración do Pleno do Congreso para a creación dun Fondo de Compensación para as Vítimas do Amianto. No encontro estiveron presentes por parte do BNG o deputado Néstor Rego, o parlamentario galego Ramón Fernández, o portavoz municipal Iván Rivas e a responsábel comarcal Mercedes Tobío. Por parte de AGAVIDA acudiu unha delegación da directiva da asociación encabezada polo seu presidente Xoán Xosé Pita.

BNG e AGAVIDA coincidiron na conveniencia e urxencia de creación do Fondo de Compensación, que leva xa anos paralizado na tramitación parlamentaria, mais tamén, na necesidade de mellorar determinados aspectos do texto, para garantir o adecuado tratamento das vítimas. “Parécenos de xustiza que despois de tantos anos desde que se prohibiu o amianto porque se constataron os efectos altamente nocivos para a saúde, se cree un fondo para indemnizar as vítimas e se poña fin anos de batallas xudiciais para ver recoñecido ese dereito” subliñou o deputado Néstor Rego.

A creación do fondo pretende evitar a xudicialización dos procesos de reclamación que torna máis lenta a concesión das indemnizacións aos afectados e afectadas. Son procesos en que deben probar non só que a súa enfermidade é debida á exposición ao amianto, senón que na súa empresa se traballaba con este material, proceso de proba moitas veces difícil, con empresas que en moitos casos xa fecharon, sen persoas dispostas a testemuñar e direccións que aínda hoxe seguen a negar a utilización dese material de forma habitual.

Por estes motivos, é imprescindíbel que se conceda a indemnización de modo obxectivo, sen necesidade de probar a neglixencia. E debe tamén especificarse se os recargos nas prestacións por continxencias profesionais, que se conceden debido a que a doenza foi causada en parte por unha má praxe da empresa, que supoñen un incremento de entre 30 e 50%, se inclúen automaticamente e con cargo ao fondo.

Así mesmo, deben deixarse xa fixados na lei, sen agardar ao desenvolvemento regulamentario, asuntos como o dos prazos de reclamación e se se exixirá a renuncia aos procesos xudiciais. “A finalidade do Fondo de Compensación debe ser facilitar o acceso ás compensacións, a todas as que corresponderen, e debe ficar claro cales son as condicións e que estas van facilitar a concesión, garantir que as vítimas teñan un acceso rápido e áxil desde a diagnose”.

Ademais, desde AGAVIDA insisten na necesidade de que na comisión de seguimento do fondo, se prevexa a presenza de representantes das asociacións de vítimas do amianto, pois consideran fundamental que se conte de primeira man nas decisións a tomar coa opinión das e do afectados. Tamén referido á composición de seguimento, o BNG anuncia que emendará o texto de cara a especificar que os representantes dos sindicatos que agora mesmo se prevén, deben corresponder ás organizacións sindicais máis representativas, entre o que se inclúe á CIG, principal sindicato na Galiza, pero que tamén ten esa condición a nivel estatal.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG