BNG defenderá no Congreso a diversificación da actividade nos estaleiros de Navantia de Ferrol

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego aposta pola conversión e modernización das instalacións para abrir camiño a á construción naval civil pola súa enorme potencialidade

Mon Fernández demanda a participación da Xunta de Galiza no Consello de Administración de Navantia para garantir carga de traballo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá na Comisión de Industria unha iniciativa sobre a diversificación da actividade nos estaleiros de Navantia, na Ría de Ferrol. O obxectivo da iniciativa é que Goberno do Estado e Xunta de Galiza constitúan unha mesa para potenciar a participación dos estaleiros na eólica mariña flotante, dotar a fábrica de turbinas de recursos suficientes para novos proxectos e mesmo concretar un plan de inversións para a modernización de infraestruturas. O deputado do BNG no Parlamento Galego, Mon Fernández, reclama a implicación da Xunta de Galiza a través da súa participación no Consello de Administración de Navantia.

Pola súa parte, o deputado no Parlamento galego, Mon Fernández insiste na urxencia de garantir carga de traballo estable para Navantia. "Temos que dobrar a curva do declive económico e demográfico" e a nosa iniciativa, que será defendida polo noso deputado no Congreso, Néstor Rego, incide na necesidade de diversificar e recuperar as actividades en Ferrol e a súa comarca.

A día de hoxe, explicou Mon Fernández, a documentación interna de Navantia sobre memoria económica do ano 2019 recoñece que o mercado militar é "un mercado cautivo" e que o 90% das construcións militares deben ser construídas nos mercados domésticos e todas as armadas do mundo exixen esta construción en estaleiros propios. En opinión do nacionalista, resulta "irracional" manter un deseño de empresa baseado na construción militar e restrinxido a outras actividades. Neste sentido, indicou que a carga de traballo para o naval debe asumir a eólica mariña e a mobilidade marítima.

“Tanto o Goberno español como o galego teñen que implicarse con Ferrol e por iso defenderemos esta iniciativa no Congreso para a conversión de Navantia nun complexo industrial integral que sexa capaz de xerar a suficiente actividade para recuperar o emprego perdido e crear novo emprego” explica o deputado no Congreso, Néstor Rego.

Ademais de “manter a actividade prevista, como a construción unha das fragatas F110”, a formación nacionalista procura abrir Navantia á construción naval civil pola súa enorme potencialidade e potenciar a participación dos estaleiros no sector da eólica mariña flotante, “con recursos propios ou manténdose, cando non sexa posíbel, como socia maioritaria da UTE con WINDAR ou con calquera outra empresa ou sociedade do sector”. Así mesmo, reclama dotar á fábrica de turbinas de dirección e recursos propios suficientes “para a definición de novos produtos destinados ao sector das enerxías renovábeis en xeral e para fomentar a súa introdución e participación nos contratos da eólica mariña en particular.

Neste sentido, sinalan como necesario “introducir tamén á Fábrica de Turbinas naqueles segmentos de actividade relacionados con novos modelos sustentábeis de mobilidade marítima, procurándose as colaboracións con centros de investigación ou empresas que fosen precisas” como están facendo outros Estados europeos en coherencia cos programas de descarbonización e de transición ecolóxica.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG