parlamento galego

BNG defenderá na Cámara galega a Lei Ángeles Alvariño para que ningunha muller teña que escoller entre ser nai ou científica

Olalla Rodil apela  a corrixir a discriminación das mulleres  no ámbito da investigación e nas  convocatorias de axudas con procesos selectivos que penalizan a maternidade

Afirma que o 50% das mulleres abandonan a súa carreira científica a tempo completo tras ser nais e asumir  o peso dos coidados e da conciliación

BNG defenderá na vindeira sesión plenaria da Cámara galega a Lei Ángeles  Alvariño  para que “ningunha muller teña que escoller entre ser nai ou científica”.

A  portavoz parlamentaria de Ciencia, Olalla Rodil, afirma que a proposta de Lei do BNG  busca “acabar coa  discriminación, que a día de hoxe, sofren as mulleres investigadoras en Galiza que as penaliza nas convocatorias públicas polo feito de ser nai e coidar a súa filla ou ao seu fillo”, Dende o BNG queremos introducir mecanismos que “eviten esa penalización que discrimina ás mulleres ao longo da súa carreira profesional”.

Esta discriminación por razóns de xénero, afirma Rodil implica a perda de “talento e valor fundamental para o desenvolvemento social, económico e cultural do noso país”.

A parlamentaria do BNG lembra que no ano  2020 tres investigadoras posdoutorais presentaron unha denuncia ante a Valedora do Pobo pola discriminación na avaliación do seu rendemento por terse acollido a permisos de maternidade ao que sumou o caso de  María de la Fuente, directora de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, a quen unha sentenza recente lle deu a razón recoñecendo que foi discriminada por razón de xénero ao non  computar na  súa traxectoria profesional os meses de permiso de maternidade.

En Galiza apenas o 27% das universitarias cursan carreiras científicas ou técnicas, e só dúas de cada dez cátedras no SUG están ocupadas por mulleres. “Por iso temos que avanzar na corresponsabilidade e suprimir as barreiras que impiden competir en condicións de equidade ás mulleres. E ese é o obxectivo desta proposta de lei”, explica  a deputada.

Dende o BNG,  indica Olalla Rodil nomeamos a proposición de Lei Ángeles Alvariño en homenaxe a esta galega pioneira da oceanografía na década dos 70 nos EEUU e referente na loita contra a discriminación das mulleres na ciencia. O texto lexislativo recolle medidas para garantir a igualdade de xénero no acceso ás convocatorias de investigación nas universidades, organismos de investigación e entidades do sistema de I+D+i galego, “igualdade que a día de hoxe a Xunta non garante”. Así mesmo, busca incorporar a perspectiva de xénero na universidade e na investigación, á fin de promover a igualdade entre mulleres e homes.

Rodil apuntou que as propostas da lei nacionalista poñen o  foco na discriminación por maternidade. Entre elas, medidas para dar visibilidade ao traballo das investigadoras coa  creación de cátedras de xénero, apoio a participación en órganos colexiados e potenciando a vocación científica entre as mulleres.

Igualmente,  medidas que promovan un uso dos tempos e da organización do traballo que facilite a conciliación e favoreza a corresponsabilidade. “É unha proposición de lei pioneira para seguir avanzando nunha sociedade máis xusta e democrática”, recalcou Rodil.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG