BNG defende pór en valor as Brañas de Laíño a través dunha emenda nos Orzamentos do Estado

Brañas de Laíño
Brañas de Laíño

Rego propón levar a cabo actuacións para mellorar os accesos, o firme, a sinalización e o mobiliario, para que vaia acorde coa condición de zona protexida

Xoán Bautista Mariño defende a conxugación entre área protexida e aproveitamento das terras de labor para acabar co abandono da zona

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o voceiro do BNG en Dodro, Xoán Bautista Mariño, defenden a posta en valor das Brañas de Laíño a través dunha emenda aos Orzamentos do Estado para 2022. Reclaman unha rehabilitación do firme e os accesos, así como da sinalización e o mobiliario para a contorna protexida baixo a Rede Natura 2000.

Acompañados por representantes da asemblea local do BNG en Dodro, Rego e Mariño visitaron as Brañas de Laíño, unha paraxe de máis de 80 hectáreas de grande valor ambiental e mesmo produtivo, actualmente en situación de abandono pola inacción das distintas administracións públicas. Máis unha vez, os nacionalistas de Dodro trasladaron ao Congreso, a través do deputado Néstor Rego, a proposta de actuar para rexenerar e recuperar as brañas, para o que o BNG presentou unha emenda aos Orzamentos do Estado de 2022.

“Desde o comezo das concentracións parcelarias a inicios dos anos 60 até a actualidade, o rural de Dodro experimentou un gran cambio que afectou todo o municipio” explica o voceiro do BNG e terceiro tenente de alcalde de Dodro. Xoán Bautista Mariño sinala que as causas do abandono van desde a concentración tardía, a modificación da Lei de Costas e as distintas leis do solo que “foron debuxando unha paisaxe abandonada en todas as terras da marxe dereita do Ulla”.

“Pensamos que o aproveitamento das brañas é totalmente compatíbel co espazo natural, para xerar riqueza preservando a rica biodiversidade da zona”, subliña o deputado do BNG no Congreso. A organización frentista sinala que avanza a desaparición de prados e terras de labor, substituídas pola proliferación de especies vexetais, arbustivas e arbóreas, de forma que a maioría das parcelas  atópanse a monte e son case inaccesíbeis para a poboación máis envellecida.

Por este motivo, a formación nacionalista inclúe unha emenda para que o executivo do Estado poña en valor as Brañas de Laíño. Unha primeira fase, cun valor aproximado de 500.000 euros, que afectaría principalmente ao municipio de Dodro mais que se estendería a concellos da Coruña- Padrón e Rianxo- e de Pontevedra- Catoira, Valga e Pontecesures- segundo explica Néstor Rego.

Entre as diferentes actuacións atópase a mellora dos accesos, colocar un firme adecuado a esta zona protexida e a instalación de novos sinais e novo mobiliario acorde coa contorna. “É unha zona única na Galiza, protexida baixo a Rede Natura 2000, no curso do río Ulla” enfatiza Rego. “Conxugar a área protexida co traballo das terras en réxime de concesión por Costas sería a solución que evitaría o abandono” reivindica Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG