BNG defende superar o déficit que sofre Lugo en infraestruturas nos Orzamentos do Estado

Néstor Rego e Rubén Arroxo
Néstor Rego e Rubén Arroxo

Néstor Rego aposta pola modernización e electrificación da liña ferroviaria Lugo-A Coruña e a construción dos menos de 30 km que permitirían conectar a cidade lucense coa capital da Galiza, enlazando as estacións de Curtis e Ordes

Rubén Arroxo demanda completar os tramos en construción da A-54 en 2023, após décadas de esperar para conectar Lugo con Santiago de Compostela, e novos carrís de incorporación da N-VI ao seu paso pola cidade

A frente nacionalista anuncia a convocatoria dunha nova mobilización en Lugo para reclamar un tren digno, coincidindo do debate dos Orzamentos do Estado: “é o momento de reclamar melloras” destaca Arroxo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o tenente alcalde de Lugo e candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais, Rubén Arroxo, presentan as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para incrementar os investimentos previstos para 2023 en Lugo. A frente nacionalista reclama superar o déficit histórico en materia de infraestruturas -conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago, modernización da vía Lugo-A Coruña ou rematar a A-54- así como garantir que o Goberno do Estado cumpra os seus compromisos como a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero en Galiza, un deles en Lugo. Así mesmo, avanzan a convocatoria dunha nova mobilización na cidade lucense, coincidindo co debate dos Orzamentos do Estado, para reclamar un tren digno.

Entre as emendas rexistradas pola organización nacionalista destaca a referida á modernización e electrificación da liña ferroviaria Lugo-A Coruña, co fin de mellorar a mobilidade apostando por un transporte sustentábel e a conectividade do interior da Galiza coa área atlántica a través do transporte público. Así mesmo, o deputado do BNG no Congreso fixo especial fincapé na emenda pola que se crea unha nova partida para posibilitar a conexión ferroviaria entre Lugo Santiago de Compostela, enlazando as estacións de Curtis e de Ordes. “Mediante a construción deste traxecto de tan só 27 quilómetros de vía, poderíase conectar de maneira directa a cidade de Lugo con Santiago e viceversa. Lugo é a única cidade do País que aínda, a día de hoxe, carece desta conexión ferroviaria” explica Rego.

“Propomos tamén incrementar as partidas previstas para rematar os tramos pendentes da A54, como o de Arzúa-Melide ou o de Palas Melide, acumulando neste exercicio os fondos consignados para a anualidade do 2024. É necesario dar un impulso decidido no investimento para que non se sigan sumando retrasos nunha infraestrutura tan necesaria para conectar Lugo co resto do País” subliña o tenente alcalde da cidade lucense e candidato á alcaldía para as vindeiras eleccións, Rubén Arroxo. “Acumulando estas partidas e acelerando a execución a obra podería estar rematada a finais de 2023” asevera Rubén Arroxo.

Alén do máis, o candidato á alcaldía sinala a necesidade de levar a cabo as obras para mellorar a incorporación na N-VI ao seu paso pola cidade de Lugo. Concretamente  desde os puntos quilométricos 501 até o 505. “É necesaria a construción de novos carrís de acceso na altura da Avenida das Américas até Garabolos, así como iniciar un estudo para o seu desdobramento” indica Arroxo.

Xulgado contra a violencia machista en Lugo

“Para atender adecuadamente os casos de violencia machista é preciso crear novos órganos xudiciais especializados repartidos no territorio que permitan dar cobertura e sen longos desprazamentos as necesidades das mulleres vítimas de violencia de xénero” afirma o deputado do BNG no Congreso. Neste sentido, a organización nacionalista demandará durante a negociación dos Orzamentos que se aprobe a partida proposta como emenda para a creación de tres novos xulgados na Galiza, un deles na cidade de Lugo, para loitar contra a violencia de xénero.

Cabe lembrar, explicou Rego, que a creación deste órgano estaba prevista no Acordo de Investidura. “Este é o último exercicio orzamentario da lexislatura e os partidos que conforman o Goberno deben cumprir os compromisos adquiridos” reclama Rego.

Mobilizacións para defender os intereses de Lugo

O candidato do BNG á alcaldía, Rubén Arroxo, fixo balance das accións executadas polo BNG durante o último ano coa campaña Lugo Quere Tren, "campaña coa que conseguimos o apoio de máis de 4.000 veciñas e veciños de Lugo, que asinaron para reclamar ao Goberno do Estado un tren digno". A través desta campaña, o BNG realizou distintas mobilizacións, congregando en Lugo a centos de persoas o pasado venres 28.

Neste sentido, Arroxo anuncia que o BNG convocará unha nova mobilización para reclamar un tren digno, que coincidirá co debate dos Orzamentos do Estado. "O momento de reclamar melloras é durante o debate dos orzamentos, é cando se poden cambiar as cousas e o BNG estará defendendo os intereses de Lugo desde o Congreso, e desde a cidade de Lugo defendendo que Lugo teña un tren digno" destaca o candidato.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG