BNG defende no Parlamento que a declaración BIC da cheminea da térmica das Pontes se estenda tamén a unha turbina, dúas torres de evaporación e ao parque de carbóns

Xosé Manuel Golpe
Xosé Manuel Golpe

Xosé Manuel Golpe avoga por usar o conxunto para crear un Museo Galego da Electricidade e un gran centro de I+D+i de almacenamento enerxético

O deputado nacionalista remarca a oportunidade que representa o almacenamento, que será clave para darlle estabilidade ao sistema

O portavoz nacionalista de Enerxía, Xosé Manuel Golpe, defendeu no Parlamento que a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da cheminea da antiga central térmica de Enel-Endesa nas Pontes, de novo en tramitación a petición dun particular, se estenda tamén a dúas torres de evaporación, unha turbina cos elementos de control necesarios, e o parque de carbóns.

Golpe repasou na súa intervencións os antecedentes dunha declaración BIC da cheminea da central que a Xunta arquivou en xuño de 2024, por falta dalgúns informes preceptivos para resolver favorablemente o expediente incoado dous anos antes, e criticou a PP e PSOE que apoien agora a nova solicitude BIC cando no seu día votaron en contra -e cualificaron mesmo de “ocorrencia”- dunha iniciativa parlamentaria do BNG que recollía non só a declaración como Ben de Interese Cultural da cheminea, senón tamén outros elementos da térmica.

“Resulta cando menos curioso que cando o tema está liberado polo Bloque, é todo unha ocorrencia, pero agora que hai detrás unha plataforma cidadá, por certo bastante activa e reivindicativa, pois a cousa cambia; non sei cal foi o motivo desta viraxe, pero aínda así, benvidos á cordura”, ironizou o deputado nacionalista, quen avogou por non conformarse só coa conservación da cheminea e “ir máis alá”, conservando tamén dúas torres de evaporación, unha das turbinas con todos os elementos de control necesarios e o parque de carbóns.

Sobre este último, destacou que, cos seus 97.420 metros cadrados, é o segundo edificio diáfano máis grande do mundo, só por detrás do hangar que ten a empresa Airbus en Francia, de 122.500 m2. A este parque de carbóns sumou a preservación de dúas das torres de evaporación -xa que constitúen un elemento indispensable e facilmente identificable dentro de calquera instalación que utilice o ciclo de vapor de auga- e unha turbina con todos os seus elementos de control. 

Un conxunto de infraestruturas que o BNG propón destinar á creación do Museo Galego da Electricidade, cun plan de usos de xestión que podería compatibilizar o uso museístico con outros como o recreativo ou o de ocio, e no que participarían todas as Administracións Públicas, así como a propia empresa, Enel-Endesa, dada a súa responsabilidade cunha comarca denominada zona de transición xusta. Este conxunto, afondou, debía completarse con outras instalacións enerxéticas pasadas, presentes e futuras de xeración eléctrica ou térmica no Concello das Pontes e do veciño Parque Experimental de Sotavento, que se atopa a escasos cinco quilómetros.

Neste sentido, defendeu a segunda proposta do Bloque, que é a de crear un centro de I+D+i en materia de almacenamento enerxético nas Pontes que aproveite os excedentes que ten Galiza na produción eléctrica, tal e como achegan os datos de Rede Eléctrica Española.

“Dentro das sociedades que pretenden electrificar boa parte dos seus consumos, que agora mesmo están confiados á enerxía fósil, o almacenamento é clave para a xestión económica e para a xestión técnica do propio sistema”, explicou Golpe, en referencia ao apagón xeral que sufriu o Estado e as reclamacións de “darlle inercia” e estabilidade ao sistema.

“Mantendo a turbina a 350 megawatios, podemos manter esa inercia”, afondou, para lembrar a continuación que se vén de publicar onte mesmo unha modificación do Plan de Desenvolvemento da Rede de Transporte e de Enerxía Eléctrica 2020-2026, para incrementar a resiliencia da rede de transporte, engadindo 12 novos compensadores síncronos rotativos. “Vemos unha oportunidade moi acaída a de manter un dos grupos a poñelo a funcionar como xerador de inercia síncrona”, sintetizou.

Así mesmo, recordou que a propia eléctrica, Enel-Endesa, xa desenvolveu un proxecto de almacenamento térmico na Toscana italiana, na central de Santa Bárbara, proxecto que comparte certas semellanzas co complexo das Pontes, postos que as dúas teñen un ciclo combinado pegado -que sería o receptor deste calor almacenado- e apuntou tamén outros proxectos innovadores de almacenamento enerxético desenvolvidos pola Universidade de Newcastle ou o Estado alemán. “Polo tanto, hai unha oportunidade enorme de potenciar, non só a cheminea”, incidiu.

A Xunta “desmonta” que a conservación sexa incompatible con outros proxectos

O deputado nacionalista agradeceu ao director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, que na súa resposta “desmontase” as informacións promovidas por Enel-Endesa, nas que se atribuía un proxecto electrointensivo que esixía tirar a cheminea para poder materializalo.

“Grazas por desmontar que calquera proxecto pode ser compatible co mantemento da cheminea e, desde o noso punto de vista, co resto de instalacións que recollemos na nosa proposta”, resumiu.

O deputado nacionalista tampouco se quixo esquecer da memoria, “dos vestixios que deben permanecer no territorio para non esquecer de onde vimos e non esquecer a nosa propia historia industrial”, remarcou. “Por iso consideramos que, no canto de destruír, no canto de eliminar eses vestixios do pasado industrial, debemos darlles unha segunda vida para asegurar un futuro mellor”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG