Parlamento Galego

BNG defende o impulso dun modelo de comunidade enerxética e autoconsumo adaptado ás peculiaridades do rural galego

Xosé Manuel Golpe
Xosé Manuel Golpe

O deputado Xosé M. Golpe advirte que o mal estado da rede de distribución de electricidade impide ás explotacións gandeiras optar pola fotovoltaica

O deputado do BNG  Xosé Manuel Golpe defendeu este venres no Parlamento o impulso dun modelo de comunidade enerxética e de autoconsumo adaptado ás peculiaridades do rural galego, no que, segundo advertiu, hoxe en día é difícil optar por este tipo de instalacións máis sustentables por culpa do mal estado da rede de distribución eléctrica.

O portavoz nacionalista de Enerxía interveu na Comisión de Agricultura da cámara galega para preguntar o Goberno do PP pola paralización dun contrato da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que tiña por obxectivo ofrecer un sistema enerxético innovador e integral nas aldeas modelo, dando paso a un modelo de comunidade enerxética local no contexto rural galego que conformase unha garantía de subministración, fomentase novos negocios e constituíse un factor atractivo para residir no rural.

Aínda que había cuestións do contrato que o BNG non apoiaba, como o feito de que recorrese á colaboración público-privada, Golpe asegurou que o concurso paralizado “amosaba certa ambición na implantación de novas tecnoloxías, na sostibilidade e no autoconsumo enerxético, incluso no deseño de ferramentas sociais para dinamizar a participación da veciñanza nas comunidades enerxéticas”.

É por iso que criticou a decisión da Xunta do PP de dar marcha atrás e defendeu a necesidade de impulsar un modelo de comunidade enerxética e autoconsumo que se adapte á “peculiaridade territorial” de Galiza. “A singularidade do noso rural —dixo— tamén se fai notar no caso das comunidades enerxéticas”.

Aludiu, neste sentido, a problemas en canto á superficie dispoñible en cuberta para instalar enerxía fotovoltaica, ao límite de distancia entre consumidores e xeración, ou a “retos sociais que non existen noutras partes do Estado”. Entre estes, mencionou o “mapa humano moi hetereoxéneo” que existe no rural do País, con diferentes casuísticas e intereses particulares que poden condicionar o funcionamento e os obxectivos da propia comunidade enerxética.

“Por non falar da incidencia dos custes enerxéticos na renda familiar”, engadiu o deputado nacionalista que, neste punto, subliñou que o 25,5 % da poboación galega sofre pobreza enerxética, cunha incidencia superior no rural, ou que o consumo medio por fogar rural se sitúa nun 40 % por debaixo do consumo urbano.

O reto de non excluír as aldeas do empoderamento enerxético

“O reto é como non deixar fora do empoderamento enerxético que supón participar nunha comunidade enerxética á xente do rural, como facer que podan participar en igualdade de condicións e obter un aforro que lles permita vivir un chisco máis desafogadas, ou facer un uso máis intensivo da enerxía sen pasar estreiteces”, afirmou Xosé Manuel Golpe.

Xa na quenda da réplica, o deputado do BNG subliñou que as deficiencias na rede de distribución eléctrica complican aínda máis a implantación no rural, por exemplo, de instalacións fotovoltaicas. “A que rede conectamos unha instalación fotovoltaica nunha aldea? Á rede que non hai? Á rede que presenta valores de tensión anormalmente altos ou anormalmente baixos? Á rede que ten máis de 300 microcortes nun día?, preguntou o portavoz nacionalista de enerxía, que se ofreceu a citar máis de 50 casos de explotacións gandeiras que non poden acceder ao autoconsumo pola mala calidade da enerxía eléctrica.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG