BNG defende ante o Goberno levar a cabo unha investigación após o último sinistro nas obras do AVE en Ourense

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva reclama ao Goberno do Estado coñecer as causas do accidente mortal de San Cibrao e informar sobre as inspeccións laborais realizadas até o momento

A senadora do BNG exixe clarificar se o Goberno detectou prácticas laborais precarias ou abusivas nas empresas subcontratadas

A senadora do BNG, Carme da Silva, anuncia o rexistro de iniciativas urxentes para reclamar explicacións e actuacións inmediatas ao Goberno do Estado após o accidente laboral sucedido o pasado 18 de novembro nas obras de execución da Variante Exterior de Alta Velocidade en Ourense, onde perdeu a vida un traballador de 45 anos e outro operario resultou ferido.

O sinistro tivo lugar na boca norte do túnel de Rante cando unha estrutura metálica de 14 toneladas caeu sobre a cesta da maquinaria elevadora que manexaba o operario falecido. Nas obras da Variante Exterior traballan diversas empresas subcontratadas pola UTE Sando e Rover, adxudicataria das actuacións.

A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia que este accidente “non é un feito illado”, senón que se enmarca nunha longa serie de sinistros laborais nas obras do AVE galego. De facto, lembra a senadora nacionalista, non é a primeira vez que o BNG rexistra iniciativas ante o malestar emanado polos propios traballadores e traballadoras das obras.

Investigación inmediata e exhaustiva

Ante esta situación, o BNG demanda ao Goberno Estatal asumir a súa responsabilidade directa neste ámbito, por tratarse de obras públicas financiadas e contratadas pola Administración Xeral do Estado. “O Goberno debe atender esta situación. A responsabilidade última é pública e debe esixir garantías e seguridade” subliña Carme da Silva.

Entre as demandas formuladas, o BNG require “coñecer con exactitude as causas do accidente mortal de San Cibrao das Viñas e que se faga pública toda a información relativa ás circunstancias do sinistro”. Para iso, Carme da Silva sinala a necesidade de abrir unha investigación que permita esclarecer o sucedido e depurar responsabilidades se as houber.

“O Goberno debe dar unha explicación detallada das medidas adoptadas até hoxe polo Goberno para reducir a elevada sinistralidade das obras do AVE galego, que xa motivou denuncias sindicais no pasado e informar sobre as inspeccións laborais realizadas, incluíndo o número de actuacións efectuadas na Variante Exterior do AVE a Ourense e os incumprimentos detectados” espeta Carme da Silva.

Ante esta situación, o BNG propón ao Goberno reforzar os controis e inspeccións periódicas, garanta o cumprimento estrito da normativa de prevención de riscos laborais e actúe “con firmeza” frente á calquera práctica empresarial que comprometa a seguranza dos operarios.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG