CONGRESO

BNG defende a cesión dos inmóbeis da SAREB á Xunta para crear un parque público de vivendas

Rego: “Un parque público de vivendas que alivie a situación de demanda e que contribúa a regular o prezo das vivendas, así como dar solucións habitacionais a aquelas persoas que máis o necesiten”

P. Igrexas cualifica de “inaceptábel” a situación de acoso inmobiliario e exemplifica  as prácticas promovidas polo “banco malo” no caso das 55 vivendas que pretende vender a particulares na rúa Aragón con Bailén

BNG defende a cesión dos inmóbeis da SAREB á Xunta para crear un parque público de vivendas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz da formación nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas, denuncian a situación de acoso inmobiliario producido pola SAREB no barrio vigués e propón a cesión de todos os bens inmóbeis da entidade na Galiza á Xunta para constituír un parque público que permita o acceso a unha vivenda a todas aquelas persoas con necesidades habitacionais. A organización nacionalista comprométese a seguir traballando, nas institucións e na rúa, para que o dereito a unha vivenda digna se garanta na Galiza e no conxunto do Estado, despois de rexistrar numerosas iniciativas e emendas á nova Lei Estatal de Vivenda.

O voceiro do BNG na cidade de Vigo introduciu a situación “inaceptábel” que están atravesando a veciñanza do barrio do Calvario debido ao acoso inmobiliario que está a desenvolver a SAREB. A esta práctica súmaselle agora a decisión de vender a particulares máis de 50 vivendas e 200 prazas de garaxe en Vigo que se reparten en varios bloques que levaban máis de 10 anos agardando pola finalización do inmóbel.

“Os prezos do alugueiro na cidade de Vigo incrementáronse nos últimos cinco anos por volta de 40% facendo que nove de cada dez contratos de alugueiro superen os 500 euros” explica Igrexas. En contraposición, apunta ás máis de 17.000 vivendas baleiras en Vigo que na súa maioría son propiedade de grandes multinacionais ou da propia SAREB “que quere actuar como un fondo voitre a pesar de ser unha entidade do Goberno do Estado”.

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso cualifica como “inaceptábel” o acoso inmobiliario que se está a producir en Vigo. Non pode ser que unha entidade pública como a SAREB cun parque de vivendas próximo ás 3.000 na Galiza que o manteña inmobilizado ou faga un uso inapropiado, como se se tratase dunha entidade privada. “Temos denunciado o que acontece nas vivendas de Vigo mais esta práctica de acoso tamén acontece noutros lugares da Galiza como Narón, Silleda, Burela”.

Esta práctica de acoso -práctica habitual das empresas privadas que tamén está a desenvolver a entidade pública- tería como obxectivo que os e as inquilinas abandonen as vivendas “e poder poñelas no mercado ao prezo actual”. Para a organización nacionalista trátase dunha actitude inaceptábel e defenden a idea de que o parque de vivenda propiedade da SAREB pase a ser un “parque público de vivendas”. Entenden que a solución aportada pola entidade estatal de realizar convenios cos concellos é inasumíbel pola meirande parte dos municipios ao non dispoñer dos recursos necesarios.

“O que ten que facer a SAREB é ceder a totalidade do patrimonio á Xunta de Galiza que é quen ten as competencias en materia de vivenda e é a que pode facer unha xestión adecuada para que o noso País conte cun parque público de vivendas que alivie, no posíbel, a situación de demanda -especialmente para as persoas e familias máis vulnerábeis- e contribúa a regular o prezo das vivendas, así como dar solucións habitacionais a aquelas persoas que máis o necesiten” salienta.

Rego lembra o voto a favor do BNG para que o Estado se fixese coa totalidade da SAREB, a pesar das dúbidas que a transferencia que se realizaría a entidades privadas, porque entendían que sendo un organismo público “o propósito de empregar todo o parque para vivenda pública era máis fácil”. En contraposición, subliña que o Goberno do Estado “non está disposto a facer isto. Non augura nada bo mais seguiremos traballando para que a nosa proposta saia adiante”.

O deputado do BNG comprométese a seguir traballando como até o de agora, tanto para paralizar os casos particulares como a nivel xeral para a cesión do parque, así como defendendo as emendas presentada á nova Lei de Vivenda que se debaterá nun futuro próximo no Congreso. “Seguiremos traballando nas institucións e na rúa para que estas vivendas, que pagamos entre todas e todos, tamén se poña a disposición de todas aquelas persoas que teñan a necesidade dunha vivenda” conclúe Rego.

 

BNG defende a cesión dos inmóbeis da SAREB á Xunta para crear un parque público de vivendas