BNG defende en Celanova a creación da Lei galega de recuperación da Memoria Histórica

Visita Celanova
Visita Celanova

“Defendemos a creación de espazos públicos para a memoria da represión e da resistencia antifascista e Celanova ten que formar parte desa rede” afirman

Impulso do estudo, divulgación, recoñecemento e reparación como prioridade dun Goberno galego liderado polo BNG baixo unha óptica de País e feminista

Luis Bará, Noa Presas e Iago Tabarés manteñen un encontro con representantes do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, acompañadas polo deputado provincial, Xosé Manuel Puga, e militantes da comarca

O BNG comprométese a impulsar unha Lei Galega de recuperación da Memoria Histórica e de recoñecemento e reparación, a partir do 18 de febreiro á fronte da Xunta de Galiza. Unha verdadeira política pública, avanza a organización nacionalista, de memoria histórica “democrática, antifascista galega” asentada nos principios do dereito internacional. Así mesmo, durante a visita ao Mosteiro de Celanova, os representantes do BNG defenden a creación dunha rede de espazos públicos para a memoria da represión e da resistencia antifranquista.

Os deputados do BNG no Parlamento de Galiza –Luis Bará, Noa Presas e Iago Tabarés- reuníronse con representantes do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova acompañados polo deputado provincial do BNG, Xosé Manuel Puga, e militantes da comarca.

“Debe dárselle prioridade ao estudo, divulgación e recoñecemento –así como reparación- desde unha perspectiva de País e feminista” sinala o deputado do BNG, Luis Bará, voceiro nesta materia na cámara galega. En opinión de Bará, as actuacións da administración debe ter como obxectivo dar a coñecer a evolución histórica de Galiza incluíndo a devastación que supuxo a violenta represión do franquismo español, tanto nas vítimas individuais como colectivo, polo xenocidio cultural e lingüístico que supuxo.

Tamén, engade a deputada Noa Presas, é preciso dar prioridade ao estudo, divulgación e recoñecemento do papel das mulleres como vítimas de todo tipo de represión xa que tamén foron protagonistas da resistencia e da solidariedade a pesar do proceso de invisibilización que o réxime franquista pretendeu.

Celanova como espazo público para a memoria

Entre as propostas que o BNG defende cara o 18 de febreiro, Noa Presas destaca a necesidade de crear espazos públicos para a memoria da represión e da resistencia antifranquista “da que Celanova ten que formar parte” para facer presente a homenaxe permanente ás vítimas do franquismo e os ideais polos que loitaron.

Alén do máis, Luis Bará comprométese a impulsar a creación do Arquivo Público da Memoria da represión e da resistencia a partir dos materiais recollidos no proxecto Nomes e Voces, así como doutras achegas e investigacións posteriores. “Recuperaremos o Consello pola Memoria como órgano de participación social no impulso e seguimento das políticas públicas de Memoria (asociacións, investigadoras, familias” dando continuidade a todas as iniciativas impulsadas, tanto no ámbito institucional como no social.

Contra a amnesia imposta: memoria e socialización

As políticas públicas en relación á memoria histórica, segundo explica o deputado Iago Tabarés, deben de ter un carácter integral e de continuidade no tempo. “A imposición do relato franquista debe combaterse coa verdade, o recoñecemento e a reparación con accións que perduren no tempo, sendo planificadas e difundidas dun xeito coherente e coordinado” subliña Tabarés.

Para este obxectivo, continúa o deputado do BNG, é preciso difundir o coñecemento histórico, unha tarefa que require da colaboración dos medios de comunicación públicos e do sistema educativo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG