BNG defende aumentar o investimento en Ourense nos Orzamentos do Estado

Ruth Reza, Néstor Rego e Luís Seara
Ruth Reza, Néstor Rego e Luís Seara

Néstor Rego aposta de maneira decidida por despregar políticas verdadeiramente sociais coa suba das pensións mínimas ou a creación dun xulgado de violencia de xénero, entre outras

Luis Seara presenta as emendas dos Orzamentos con proxectos para a cidade de Ourense que permitirían un maior dinamismo social e económico no termo municipal e a súa área de influencia

O deputado do BNG, Néstor Rego, acompañado polo portavoz e candidato á alcaldía, Luís Seara, e a concelleira da frente, Ruth Reza, presentan as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para 2023 co obxectivo de incrementar o investimento para Ourense e apostar polo despregamento de políticas verdadeiramente sociais. A creación dun xulgado de violencia machista na cidade de Ourense, a suba das pensións mínimas a aposta polo ferrocarril ou a rexeneración dos ríos Miño e Barbaña será chave durante a negociación da frente nacionalista co Goberno do Estado.

Para a organización nacionalista, o proxecto de Orzamentos do Estado presentado polo Goberno de PSOE e UP para 2023 son insuficientes e demandan a través das súas emendas unha aposta decidida a aplicar políticas verdadeiramente sociais, así como renunciar ao incremento do gasto militar. “O Goberno continúa sen cumprir os compromisos como subir as pensións mínimas até 60% do Salario Medio” critica o deputado do BNG. Esta proposta, rexistrada en formato de emenda no proxecto de Orzamentos, permitiría reducir a fenda territorial e a de xénero. “Ourense sairía moi beneficiada posto que ten a pensión media máis baixa do Estado, por debaixo dos 900 euros e a case 700 euros da pensión media máis alta” destaca.

Así mesmo, o deputado do BNG destaca a emenda para a creación dun xulgado de violencia machista na cidade de Ourense, cuxa creación, xunto cos das cidades de Santiago de Compostela e Lugo, estaba prevista xa no Acordo de Investidura. “Estamos ante o último exercicio orzamentario da lexislatura e os partidos que conforman o Goberno deben cumprir os compromisos adquiridos” afirma Rego. Para a frente nacionalista, é necesario atender adecuadamente os casos de violencia machista, repartir estes órganos especializados no territorio para que dean cobertura ás vítimas sen que teñan que facer longos desprazamentos.

En materia de infraestruturas ferroviarias, Rego fixo fincapé nas emendas que pretenden incluír nos Orzamentos a implantación do servizo de cercanías ferroviarias nas cidades da Galiza e as súas áreas de influencia. “A cidadanía de Ourense e dos concellos da contorna podería beneficiarse deste servizo e empregar o tren para desprazarse até o traballo ou o centro de estudos, en detrimento do vehículo privado” explica o deputado. Así mesmo, a frente reclama a renovación das máquinas e vagóns da liña Ourense-Santiago, así como un aumento das frecuencias e unha rebaixa nas tarifas AVANT unha vez finalicen as bonificacións actuais.

“Propomos a remodelación do proxecto da Estación Intermodal de Ourense a través dunha emenda dotada de 4 millóns de euros. É necesario revisar o proxecto para garantir a súa accesibilidade e permeabilidade que permita unha maior integración co resto da cidade” defende Rego.

Alén do máis, o candidato á alcaldía de Ourense polo BNG, Luis Seara, defende a emenda para a mellora da permeabilidade urbana nas rúas de Ramón Puga e Tarascón. “O Goberno do Estado debe dar cumprimento ao convenio asinado en decembro de 2021 entre ADIF e o Concello de Ourense para mellorar a permeabilidade e a seguranza viaria desta zona do municipio” destaca Seara.

No relativo ás infraestruturas, a frente nacionalista tamén demanda, tras a chegada do AVE, a construción da variante norte da A-56 no tramos Eirasvedras-Quintela. “Esta infraestrutura permitiría reordenar os espazos dentro da cidade e que a zona que está máis próxima ao río Miño poida transformarse pacificando e reducindo o tráfico. Hai que executar o proxecto do Boulevard termal” lembra o candidato á alcaldía.

Melloras, tamén, na seguranza viaria, na N-525 entre Ponte Ribeiriño e a rotonda de Fonsillón onde existe unha alta concentración e tráfico e ademais “reclamamos que o Goberno do Estado realice un acondicionamento do paso elevado 04 incluído no proxecto de actuacións complementarias da Liña de Alta Velocidade no tramo Taboadela-Ourense” sinala Seara.

“A mala xestión municipal na perda da subvención de 1.5% cultural non pode prexudicar a Ourense. Por iso propomos que o Estado contribúa para rematar as obras de rehabilitación e reforma da Praza de Abastos cunha aportación de 5 millóns de euros. Débese mellorar a actividade comercial e dar a apoio agricultores e artesáns de Ourense” defende o portavoz e candidato á alcaldía da cidade, Luis Seara.

A frente nacionalista tamén demanda o saneamento integral do núcleo de Untes para eliminar os continuos vertidos ao río Miño. Neste sentido, Seara tamén sinala a proposta de levar a cabo un proxecto para a rexeneración dos ríos Miño, Barbaña e Loña, así como os seus afluentes. “É necesario afrontar a rexeneración, limpeza e saneamento dos ríos, ao seu paso polos concellos de Ourense, Barbadás e San Cibrao da Viñas debido aos constantes vertidos” salienta.

Por último, a organización nacionalista propón unha partida para realizar un Plan Director no río Barbaña. “Trátase dun río con graves problemas de contaminación e conservación. Precisa dunha rehabilitación integral e limpeza” conclúe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG