A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Olalla Rodil, cuestionou publicamente a falta de iniciativa da CRTVG para intentar adquirir dereitos de emisión dos partidos do Club Baloncesto Breogán na Liga ACB para a Televisión de Galiza.
Rodil expuxo que, co recente traspaso dos dereitos de emisión da ACB de Movistar Plus a DZN, abriuse unha xanela de oportunidade que outras televisións públicas, como TVE e especialmente TV3, souberon aproveitar. Esta última, salientou, conseguiu os dereitos para emitir 34 partidos en aberto da próxima tempada, incluídos 16 derbis entre os cinco equipos catalás da competición.
En cambio, segundo a deputada, a CRTVG non mostrou interese en explorar esta posibilidade nin en establecer contactos, a pesar de ser o Breogán o único representante galego na máxima categoría do baloncesto español. "Soubemos que chamaron ao club para ver se lles podían pasar os contactos, pero realmente era un pouco tarde porque xa estaba todo máis ou menos cerrado", afirmou.
Rodil lembrou que a TVG xa emitiu partidos do Breogán no pasado, así como de Obradoiro e incluso da NBA, demostrando que é viable e que existe un precedente. Recoñeceu as dificultades económicas e o "disparate" do mercado de dereitos deportivos, mais insistiu en que non se lle está a pedir á Corporación que "arruíne" as súas contas, senón que mostre o mesmo interese e faga un esforzo proporcional ao que fai por outras modalidades, como o fútbol, do que a TVG emite numerosos partidos de distintas categorías.
A intervención da deputada puxo de relevo o valor do Breogán non só para Lugo, senón para toda Galiza, como un equipo histórico que actúa como "embaixador" do país e xera unha forte cohesión social e identitaria.