BNG cualifica de “fracaso” o Plan de dinamización do galego 2016-2020 para o tecido económico

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas pide un  compromiso ao goberno para  impulsar a lingua galega neste ámbito

A deputada do BNG critica a ausencia dunha  avaliación do Plan e lembra que o Partido popular votou en contra da Proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico

A portavoz de Cultura e Lingua do BNG, Mercedes Queixas formulou unha pregunta ao goberno sobre o desenvolvemento do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico, 2016-2020.

Na súa intervención, cualificou de “fracaso” o plan para impulsar a lingua galega no ámbito da economía  e lembrou que o Partido popular “votou  en contra” da Proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, de medidas para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. Por outro lado, indicou a ausencia da “avaliación pública” do Plan, por parte  da Xunta.

 A deputada explicou que o Plan foi presentado  como un conxunto de 84 medidas para incidir na promoción social da lingua dende a economía, a través de dez áreas: hostalería, comercio, alimentación, TIC, construción e inmobles, banca,asesoramento,intermediación, axencias de publicidade e cooperativismo e entre as acción, destacaban a posta en marcha de medidas para a promoción do galego no ámbito da responsabilidade social e empresarial, a formación lingüística de profesionais, a creación dun punto de información en materia de lingua destinado ás empresas, o impulso á etiquetaxe en galego e as campañas publicitarias de promoción do consumo deste tipo de produtos, apoiándose especialmente en campañas de promoción, con especial atención ao galego nas TIC e os medios dixitais ou a posibilidade de obteren as empresas a certificación das normas ISO na lingua propia de Galicia.

Sobre todas estas cuestións e o seu desenvolvemento dixo, “non temos ningunha información e avaliación” así como tampouco sobre o novo plan.

Tras a intervención do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, a nacionalista insistiu na “ausencia da avaliación” do devandito Plan. “Non percibimos ningún avance” e mesmo estamos a constatar, “unha realidade que vulnera os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico”.

Por outra parte, criticou que o responsable de Política Lingüística da Xunta utilizara como escusa a “pandemia” para xustificar a ralentización das medidas do Plan e de eludir unha resposta sobre a vulneración dos dereitos lingüísticos.

“Canto máis renunciemos ao noso, máis nos vendemos aos de fóra” eran as palabras, dixo a deputada que nos trasladou un empresario. Este Plan, reiterou Queixas, “foi unha esperanza convertida en fume”. Nunha entrevista do ano 2012, vostede afirmaba, “ “Temos que saber vender a lingua galega” pero a vista está, enfatizou a nacionalista, que “ aínda non aprenderon a facelo dende o goberno do PP”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG