BNG critica á Xunta unha Estratexia de FP 2030 unilateral, sen concreción e que non responde ás necesidades do País

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo

Manuel Lourenzo advirte da elevada temporalidade e precariedade do alumnado titulado e da masculinización dos ciclos coas políticas do PP

O portavoz de Educación recrimina ao Goberno galego o desequilibrio entre o aumento do alumnado, por riba do 60%, co do profesorado, do 2%

O BNG reprobou á Xunta no Parlamento galego a súa Estratexia de Formación Profesional 2030 que, segundo o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, carece de concreción, do necesario consenso previo coa comunidade educativa e non responde ás necesidades do País.

“Novamente temos que lamentar a unilateralidade do Goberno galego, negándose a escoitar á representación maioritaria do profesorado, e temémonos que non imos estar ante un proxecto que, sendo necesario, responda ás expectativas deste País”, reprochou, para a continuación afear a falta dun proxecto máis sólido e concreto e non de simples notas de prensa ou un mero acto de presentación de Núñez Feixóo. “Estamos no de sempre, publicidade que non se concreta, que non responde co que estamos a ver na realidade”, replicoulle ao secretario xeral de Educación, logo da súa comparecencia en comisión parlamentaria.

Neste sentido, e logo de lembrar que a Xunta di comprometer na súa estratexia un esforzo de investimento no profesorado de FP, este sexa menor do 2% ante o incremento exponencial do alumnado, que medra por riba do 60%. De igual xeito, censurou o seu modelo de formación profesional dual, duramente criticado pola comunidade educativa, tanto polo relativo á selección de empresas, como polas condicións laborais do profesorado.

O deputado nacionalista desaprobou a negativa do Executivo galego a reflexionar e debater sobre “indicadores preocupantes” froito das súas políticas, o que impide poder abordar e garantir o éxito da formación profesional en Galiza, eixe estratéxico e fundamental para o noso sistema educativo e para o futuro do País.

Así, advertiu que a taxa de finalización na FP galega sitúase en tan só o 54,2%, mentres que a taxa de temporalidade das e dos asalariados titulados en formación profesional é do 26,3% (tres puntos por riba da media estatal) e o grao de estabilidade laboral a catro anos apenas sube do 65% (tres puntos menos que a media estatal), segundo datos do Observatorio da Formación Profesional e o Goberno central.

De igual xeito, subliñou que 8 de cada 10 titulados e tituladas na FP superior non están ocupando postos de traballo acordes á súa categoría profesional e que do alumnado matriculado só o 33% corresponde ás mulleres, un desequilibrio en relación aos homes de 5 puntos na media estatal pero que en Galiza ascende case ao dobre. “Temos un problema de masculinización da FP sen que vostedes avanzasen nin unha soa medida para corrixir esta situación”, incidiu.

Logo de repasar distintas cuestións de vital importancia no desenvolvemento dun modelo de formación profesional eficiente, como as estadías en empresas, entre outros, Lourenzo tamén se quixo referir na súa intervención ao Centro de Innovación de Formación Profesional, previsto en Ourense.

“Vostede cre que o mellor formato de xestión para este centro sexa que tres postos do consello executivo os xestione a Deputación de Ourense? Realmente cre que o feito de que Baltar teña a maior representatividade deste centro, por riba mesmo que o da consellería, é o mellor?”, cuestionou, para a continuación concluír que “eu sei que vostede pensa que non porque isto é unha barbaridade dende o punto de vista da xestión, mais tamén sei que vai dicir o contrario”, concluíu.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG