Parlamento Galego

BNG critica que a Xunta limite a declaración BIC do Carlos Maside ao museo e exclúa o resto da factoría do Castro de Sada

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas ve insuficiente a protección publicada hoxe e incoherente coa de Sargadelos en Cervo que si inclúe a totalidade das instalacións

O Bloque solicitará no Parlamento os informes cos que o Goberno do PP avala esta declaración, así como as alegacións que recoñece que ignorou

A portavoz nacionalista de Cultura, Mercedes Queixas, denuncia que a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Museo Carlos Maside publicada hoxe pola Xunta no DOG é “insuficiente” e “incoherente” co BIC da factoría de Sargadelos en Cervo e avanza que o BNG vai solicitar no Parlamento o conxunto de informes nos que o Goberno do PP sustenta esta declaración.

Queixas ve insuficiente unha declaración que só establece a protección BIC para o edificio do museo e a colección de arte que acubilla, ignorando que este elemento “é parte dun proxecto global e integral que vai máis alá” e que corresponde ao conxunto de Cerámicas do Castro “como un proxecto pioneiro de recuperación da memoria histórica en pleno franquismo” impulsado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.

Ademais de insuficiente, a deputada do BNG advirte que esta protección só do museo é ademais “incoherente” co BIC da factoría de Sargadelos en Cervo, que si inclúe a totalidade das instalacións da factoría de Sargadelos.

Unha declaración que, en todo caso, chega “in extremis”, subliña, dado que se produce a escasos tres días de caducar o expediente que iniciou a Xunta hai dous anos. “Unha declaración BIC que por fin dá resposta a un acordo unánime do Parlamento de hai 15 anos e que só se conseguiu grazas ao impulso da sociedade, que reiteradamente reivindicou e requiriu á Xunta un compromiso de actuación con este legado cultural, con este patrimonio cultural colectivo que construíron Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane”, recalca.

Queixas sinala tamén que non se entende por que o Goberno de Alfonso Rueda muda “agora si definitivamente” o nome a este museo que, lembra, “sempre foi Museo Carlos Maside” e ao que a Xunta incorpora ‘Sargadelos’ na declaración BIC publicada hoxe no DOG.

Por todo isto, a portavoz nacionalista de Cultura avanza que o BNG vai solicitar no Parlamento o conxunto de informes realizados por diferentes institucións para avalar esta declaración como Ben de Interese Cultural, así como as alegacións presentadas por distintos colectivos e o movemento asociativo cultural que, advirte, “a Xunta ignorou, tal e como recoñece na propia declaración”.

Para a organización nacionalista, éntrase nunha fase “moi importante”, remarca, polo que vai reclamar a implicación do Executivo para recuperar “de forma global este proxecto de recuperación da memoria do exilio” a través do rescate “da obra artística da vangarda galega dos grandes renovadores galegos”. “É fundamental que recuperemos este museo como un museo vivo, dinámico, aberto ao público coa máxima accesibilidade, porque dende o BNG estamos orgullosas e orgullosos deste legado patrimonial tan importante que nos deixaron en herdanza Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane”, conclúe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG