BNG critica que o PSOE e UP votasen con Vox e PP en contra de declarar o Pazo de Meirás como lugar de memoria

Néstor Rego
Néstor Rego

A frente nacionalista abstense na votación da Lei de Memoria Democrática por non derrogar o artigo 2 e) e f)  da Lei de Amnistía, que permitiría acabar coa impunidade do franquismo.

“Lamentamos esta oportunidade perdida de facer realmente xustiza ás vítimas da ditadura” destaca Néstor Rego

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, critica o voto en contra de PSOE e Unidas Podemos -xunto con Vox e PP- ás emendas presentadas pola organización nacionalista no Proxecto de Lei de Memoria Democrática, entre elas, a que defendía recoñecer simbolicamente o Pazo de Meirás como lugar de memoria. Rego, admitiu a existencia de avances no texto lexislativo en relación á Lei anterior, mais lamenta a oportunidade perdida para rematar dunha vez por todas coa impunidade do franquismo e facer xustiza ás vítimas da ditadura e a Guerra, o que non será posíbel ao non prosperar emenda que defendía a derrogación dos artigos 2 e) e f) da Lei de Amnistía.

Durante o debate final da Lei de Memoria Democrática no Congreso, a organización nacionalista recoñece a existencia de avances no texto lexislativo coa incorporación de propostas recollidas nas emendas que presentou o BNG ou conxuntamente con outras formacións políticas soberanistas. Non obstante, a frente nacionalista abstívose durante votación final na cámara baixa por entender que, tal e como quedou, representa unha nova oportunidade perdida para acabar dunha vez por todas coa impunidade do franquismo e facer xustiza ás vítimas. A chave -nun xuízo que comparten as asociacións memorialistas, está en garantir diante dos tribunais españois a imprescritibilidade dos delitos de xenocidio e lesa humanidade.

No entanto, as formacións que compoñen o Goberno, PSOE e UP, -xunto con PP e Vox- votaron en contra de derrogar os artigos 2 e) e f) da Lei de Amnistía, tal e como hai catro meses se negaran os socialistas a tomar en consideración a Proposición de Lei -rexistrada polo BNG e outras forzas políticas- de reforma do Código Penal para poder investigar e xulgar os crimes do franquismo.

“PSOE e UP pretenden que isto se resolve introducindo na lei que esta deba ser interpretada ao amparo do dereito internacional e dos pactos, acordos e tratados que ten asinado o Estado español”, sinala Rego, mais esta formulación xa está recollida nos artigos 10.2 e 96 da Constitución Española, e “non deu lugar nin a un só caso de investigación dos crimes do franquismo nos últimos corenta e catro anos”.

Para Rego, existe xa a “constatación de que esta formulación non serve para facer xustiza ás vítimas, non garante o acceso á tutela xudicial efectiva nin o cumprimento do principio de legalidade internacional que permitise investigar os delitos de xenocidio e crimes de lesa humanidade cometidos durante a ditadura franquista. Lamentamos esta oportunidade perdida de facer realmente xustiza ás vítimas do franquismo” subliña o deputado do BNG.

PSOE, UP, PP e Vox néganse a declarar Meirás ‘Lugar de memoria’

“Sorprendentemente, non foi aceptada a emenda do BNG para recoñecer simbolicamente o Pazo de Meirás como lugar de memoria. É innegábel a súa potencia simbólica, non só polo roubo por parte de Franco, o terror que se exerceu a punta de pistola falanxista para obrigar ás aportacións “voluntarias”, a súa función como residencia oficial do ditador, senón tamén, e sobre todo, para recoñecer a loita de 45 anos, loita finalmente vitoriosa, do pobo galego pola recuperación do pazo”, destaca o deputado do BNG.

Rego considera inxustificábel o voto en contra de PSOE e UP para declarar o Pazo de Meirás como ‘Lugar de memoria’. Máis aínda cando aceptaron e apoiaron que na Lei quedase declarado como tal o Forte de San Cristóbal, en Nafarroa, e a cesión do Palacio da Cumbre ao concello de Donosti. “Non pode ser que forzas que se denominan de esquerdas demostren tan pouca sensibilidade coa firmeza democrática do pobo galego” na loita pola recuepración do patrimonio espoliado por Franco, recrimina. De facto, o deputado nacionalista lembra que aínda a día de hoxe unha vintena de militantes do BNG están denunciados pola familia Franco por esta loita.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG