BNG critica precariedade dos servizos de RENFE en Ourense e reclama melloralos

Néstor Rego
Néstor Rego

A formación nacionalista denuncia que hoxe non saíu o Avant Ourense-A Coruña das 7:55 da mañá por falta de maquinista e má organización.

Néstor Rego: “Estas son as consecuencias de non dotar de persoal suficiente a Ourense e dunha visión centralista que prima as conexións con Madrid e deixa esmorecer os servizos internos na Galiza”.

BNG critica precariedade dos servizos de RENFE en Ourense e reclama melloralos

O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra unha iniciativas no Congreso para reclamar ao Ministerio de Transportes que dunha vez por todas atenda as necesidades ferroviarias de Ourense para conectar adecuadamente esta cidade co resto da Galiza e a dote de persoal e servizos suficientes. Esta nova iniciativa prodúcese após a suspensión neste sábado (12) do servizo Avant das 7:55 a Santiago e A Coruña por falta de persoal e desorganización de RENFE.

O BNG leva meses reclamando no Congreso dos deputados a mellora dos servizos ferroviarios en Ourense. Aínda no pasado mes de maio, Néstor Rego rexistraba iniciativas para reclamar ao Ministerio recuperar todas as liñas e frecuencias que foron canceladas durante a pandemia xerada pola COVID-19 así como a baixada das tarifas dos billetes nos trens AVANT que conecta as principais cidades da Galiza.

No mesmo sentido, a deputada no Parlamento da Galiza, Noa Presas,  e o Portavoz Municipal en Ourense, Luís Seara, denunciaban semanas atrás que o Goberno do Estado empregaba a escusa da COVID-19 como coartada para non contratar persoal e seguir co desmantelamento de servizos ferroviarios na cidade e as conexións co resto da Galiza.

O acontecido na mañá deste sábado, 12 de xuño, é a confirmación das denuncias efectuadas polo BNG e colectivos sociais da cidade. O enlace das 7:55 con Santiago de Compostela e A Coruña non puido saír por falta de maquinista en Ourense e unha má organización de RENFE, de modo que as persoas que viaxaban nel tiveron que seguir en autobús.

Aliás, Néstor Rego lembra que aínda non foi reposta a ligazón das 6:45, saída de Ourense e destino A Coruña con parada en Santiago, o que empeora notabelmente as conexións da cidade co resto da Galiza. “Esta liña é necesaria para os numerosos desprazamentos diarios de traballadores e traballadoras, así como de estudantes que se deslocan até as Universidades de Santiago de Compostela ou da Coruña” sinala o deputado nacionalista.

O BNG reclama ao Ministerio de Transporte a dotación suficiente de persoal en Ourense, a mellora das frecuencias e servizos e aínda, a baixada dos prezos do AVANT que, polo seu alto custo, non permiten que este transporte público sexa atraente para os potenciais usuarios e usuarias. Se a isto sumamos os reiterados incidentes que levan á supensión de servizos, quer por falta de seguranza e atención adecuada ás liñas, quer por falta de persoal ou deficiente organización, o resultado é que a conexión ferroviaria de Ourense é claramente deficitaria e precisa de mellorala de maneira urxente.

A deputada galega, Noa Presas, denuncia que o que realmente persegue o Estado é o  "desmantelamento do servizo. É unha folla de ruta calculada para seguir pechando estacións e liñas". Pola súa parte, Néstor Rego denuncia que esta situación é consecuencia “dunha visión centralista que prima as conexións con Madrid e deixa esmorecer os servizos internos na Galiza” e reclama máis investimentos.

 

BNG critica precariedade dos servizos de RENFE en Ourense e reclama melloralos