parlamento galego

BNG critica a posición da Xunta ante unha proposta da PAC que mantén a discriminación con Galiza no reparto das axudas

Carme Aira
Carme Aira
A deputada Carme Aira reclama á Consellería do Medio Rural que defenda o modelo galego de pequenas e medianas explotacións, fronte aos plans do Ministerio de Agricultura que benefician ás e aos grandes propietarios

A portavoz parlamentaria de Desenvolvemento Rural, Carme Aira, reprocha á Consellería do Medio Rural a súa satisfacción ante as propostas para o Plan Estratéxico da PAC realizadas polo Goberno central na última Conferencia Sectorial de Agricultura.

Aira asegura que “a satisfacción da consellería non se entende” porque a proposta do Ministerio de Agricultura parece destinada a manter a desigualdade social e territorial na distribución das axudas da PAC no Estado. “Manterase así a histórica discriminación que vén sufrindo Galiza, que recibe arredor do 3% das axudas directas da PAC cando en 2020 tiña case o 7% do emprego agrario”, explica a deputada nacionalista para a continuación recalcar que, no canto de utilizar as ferramentas que contempla a normativa comunitaria para corrixir a inxustiza na distribución das axudas, “o Ministerio pretende aprobar unha reforma destinada a manter o privilexio daqueles territorios e modelos de explotación historicamente favorecidos”.

Neste sentido, advirte de que a proposta do Ministerio de Agricultura limita o pagamento redistributivo (o pagamento para as primeiras hectáreas de cada explotación) ao mínimo que obriga a normativa comunitaria, apenas un 10% dos fondos para axudas directas e, ademais, propón “rexionalizar” estes fondos, o que, segundo recalca, “só beneficiaría a aqueles territorios que concentran as grandes explotacións, en prexuízo doutros como Galiza, caracterizados por pequenas e medianas explotacións”.

De igual xeito, Aira cualifica de “decepcionante” a aplicación que se pretende facer da redución progresiva das axudas por riba de certo nivel e do denominado “capping”, dado que está moi afastada das posibilidades que ofrece a normativa da UE para limitar o acaparamento de fondos por parte das grandes explotacións. Así mesmo, entende que a definición “moi laxa” do concepto de “agricultor activo” permitirá seguir cobrando axudas a persoas cuxa vinculación real coa actividade agraria é nula.

Tendo en conta que a porcentaxe de superficie agraria cuberta por axudas da PAC é moi inferior en Galiza ao resto do Estado, a deputada nacionalista conclúe que a proposta do ministerio na conferencia sectorial “abre a porta a incorporar novas superficies ao cobro da axuda básica a través da reserva estatal, mais non é compresible a satisfacción da consellería sobre este aspecto porque o Goberno central non considera para nada como criterio de priorización o feito de que a superficie cuberta con axudas sexa menor na actualidade”. “Ao contrario -incide-, tamén abre a porta a incorporar novas superficies en comunidades historicamente privilexiadas”. 

Neste contexto, Aira reclama á Xunta que abandone as declaracións autocompracentes e defenda nas negociacións o modelo de explotación familiar galega, xa que, segundo conclúe, o noso sector primario está integrado maioritariamente por pequenas e medianas explotacións que require dunha PAC que contemple esta realidade e que, polo tanto, sexa xusta e redistributiva territorialmente e non como propón o Goberno central, dun plan estratéxico que só favorece aos grandes propietarias e propietarios.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG